Áreas recreativas e naturais

Illa do Refuxio

Illa do Refuxio

A Illa do Refuxio é unha insua de forma alongada situada a rentes dunha presa. Na parte norte ten unha pequena praia fluvial. A súa superficie está cuberta de carballos de gran tamaño que ofrecen unha espesa sombra no verán. A insua está rodeada de amieiros e de salgueiros, vexetación característica das ribeiras dos ríos que atravesan o concello. Dúas pasarelas de cemento, unha por cada lado do río, dan acceso á insua. Para aproveitar a riqueza troiteira do Tambre nesta zona creouse o couto de pesca «Sigüeiro», un dos máis troiteiros e apreciados polos pescadores de toda a provincia.

Como chegar?

A 12 km de Santiago, en dirección A Coruña, pola estrada N–550 chegamos á vila de Sigüeiro. Na Praza da Foca collemos a estrada provincial CP–3801, que vai de Sigüeiro a Frades. No km 1 hai un desvío á dereita chamado camiño do Refuxio. Percorremos uns 200 metros e atopamos unha paraxe natural de gran beleza, formada por unha insua situada no medio do río Tambre.


Servizos

  • 0,6 hectáreas de superficie
  • 9 mesas familiares
  • 1 gran grella de pedra
  • 2 grellas pequenas
  • 1 fonte de auga
  • Varios contedores de lixo

Penateixa

Penateixa

A área recreativa de Penateixa está formada por un espazo aberto delimitado por ringleiras de amieiros e de carballos perpendiculares ó río. Ofrece un amplo espazo para gozar do sol e para que corran os nenos, e un segundo de sombra debaixo do arboredo. En distintas zonas da área recreativa poden verse frondosos carballos e piñeiros. Ó longo do río os pescadores poden gozar no couto de pesca «Sigüeiro».

Como chegar?

Dende a vila de Sigüeiro, concretamente desde a Praza da Foca, sae a estrada provincial CP–3801 en dirección a Frades. A 1,5 quilómetros encontramos un cartel que nos indica o desvío para chegar á área recreativa. Seguindo ese desvío a uns 100 metros entramos na área recreati- va, regada na súa marxe dereita polo río Tambre.


Servizos

  • 1 hectáreas de superficie
  • 6 mesas familiares
  • 2 grellas pequenas
  • Varios contedores de lixo

Ponte Arderís

Ponte Arderis

A área recreativa da Ponte Arderís está formada por unha pequena parcela na marxe esquerda do río Samo, afluente do Tambre. Foi inaugurada no ano 1997. Nela medran amieiros, carballos, bidueiros, castiñeiros e algunha mimosa. Destacan unhas pequenas escaleiras de pedra que baixan ó río, a unha zona remansada e moi apropiada para o baño estival.

Como chegar?

Dende a vila de Sigüeiro, concretamente desde a Praza da Foca, sae a estrada provincial CP–3801 en dirección a Frades. A 10,5 quilómetros encontramos un cartel que nos indica a área recreativa, ó lado da estrada e da Ponte Arderís, na parroquia de Senra.


Servizos

  • 0,2 hectáreas de superficie
  • 5 mesas familiares
  • 2 grellas pequenas
  • 1 contedor de lixo

O Cachopal

Cachopal

A área recreativa do Cachopal está formada por dúas parcelas situadas na marxe dereita do río Maruzo, afluente do Tambre. A parte norte está poboada por frondosos piñeiros e a rentes do río hai unha pradería. Destaca nesta última zona o muíño da ponte, de dous pés, restaurado parcialmente no ano 1996. Esta área recreativa foi inaugurada no ano 1997 e está rodeada por amieiros e carballos.

Como chegar?

No quilómetro 12,5 da estrada provincial CP–3801 Sigüeiro–Frades chegamos á aldea do Cachopal, na parroquia de San Mamede dos Ánxeles. Collemos a pista asfaltada á dereita en dirección á igrexa de San Mamede. A uns 400 metros da estrada xeral, á dereita, está a área recreativa do Cachopal.


Servizos

  • 0,5 hectáreas de superficie
  • 6 mesas familiares
  • 2 grellas pequenas
  • 1 fonte de auga
  • 1 contedor de lixo

Muiño de Vigo ou do Rego Tellado

Rego Tellado

A área recreativa do Muiño de Vigo ou do Rego Tellado é un espazo natural de reducidas dimensións que conta para o seu atractivo cun muíño que rehabilitou o concello no ano 2004. Esta área atópase rodeada de amieiros, bidueiros, carballos, abeneiros e prados, que lle confiren a este espazo un encanto especial e o converten nun lugar digno de ir ver.

Como chegar?

Indo pola N–550 en dirección á Coruña, á altura do km 43 xírase cara a unha pista que hai á esquerda, xusto en fronte do taller «Maquinaria Oroso». Hai que circular uns 300 metros por esa pista asfaltada e deixar atrás un cruce. A aproximadamente 150 metros do cruce, e circulando xa por unha pista de terra, hai unha desviación á dereita que nos leva directamente á área recreativa do muíño do Rego Tellado.


Servizos

  • 1 gran mesa de pedra con capacidade para 30 persoas
  • 1 grella pequena
  • 1 muiño en activo
  • 1 W.C.

Parque do Carboeiro

Carboeiro

A área recreativa do Parque Carboeiro é un gran espazo natural localizado no centro de Sigüeiro as beiras do río Carboeiro, o cal lle da o seu nome. No parque atópanse diferentes camiños cun total de 1,5 km que percorren toda a área recreativa, cruzando varias veces o rio Carboeiro a través das súas pontes, entre elas a Ponte Ulloa (ponte reconstruida recentemente con técnicas de cachotería e pola que pasa o Camiño Inglés). As grandes zonas verdes sempre rodeadas de vexetación autóctona como amieiros, bidueiros, abeneiros e unha pequena fraga de carballos, confirenlle a este espazo un encanto especial e converten o lugar nun verxel tranquilo e relaxado no que pasar un bo día.
A carón do Parque do Carboeiro, tamén poderás disfrutar de diferentes instalacións de ocio e deportivas.

Como chegar?

Na N-550, na vila de Sigüeiro a man esquerda en dirección Coruña - Santiago de Compostela.


Servizos

  • 6 hectáreas de superficie
  • máis de 1,5 km de sendeiros
  • varias mesas e bancos
  • 1 fonte de auga
  • instalacións de ocio
  • instalacións deportivas
  • varios contedores de lixo