Os Servizos Sociais de Atención Primaria Municipais, constitúen o nivel máis próximo á usuaria/o e son a vía normal de acceso ó sistema de Servizos Sociais, dende o que se derivan os casos, por prescrición técnica ós servizos sociais de atención especializada cando así o require a especificidade da situación.

Dende os Servizos Sociais de Atención Primaria realízase unha acción social globalizadora e polivalente dirixida ó conxunto da poboación do Concello de Oroso co obxecto de promover e posibilitar o desenvolvemento do Benestar social de toda a veciñanza.

Imprescindible cita previa telefónica no teléfono 981 688 950 de luns a venres de 10:00 a 12:00 horas.

Programas

Obradoiro Terras lengüelle

O obradoiro de emprego TERRAS DO LENGÜELLE é un proxecto mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que teñan unha idade superior a dezaoito anos. É subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e cofinanciado e promovido polo concello de Trazo xunto cos concellos de Tordoia, Cerceda e Oroso.
Este proxecto está subvencionado ao abeiro de Orde do 7 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o ano 2024 publicada no DOG núm. 38, do 22 de febreiro de 2024.

BASES REGULADORAS DO PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN DO ALUMNADO TRABALLADOR E PERSOAL DIRECTIVO, DOCENTE E ADMISTRATIVO DE APOIO

Este programa responde á necesidade de información co fin de acceder e utilizar os recursos sociais e previr as desigualdades. Vai dirixido a grupos, institucións e persoas individuais, ofrecendo asesoramento especializado sobre os dereitos que poidan corresponderlles e os recursos sociais existentes.

Algunhas das actividades que realiza son:

  • As derivadas da atención ao público, entrevistas e visitas domiciliarias
  • Tramitación e xestión dos distintos tipos de axudas
  • Coordinación con centros, servizos, institucións e profesionais relacionados cos servizos sociais
  • Planificación, xestión e seguimento dos servizos de acción social municipal
  • Elaboración de propostas e informes

Dirixido a aqueles veciños que presenten disfuncións ou discapacidades que lles limiten a súa autonomía persoal e a súa capacidade de relación social.

O acceso ao servizo producirase a través dos servizos sociais de atención primaria, de acordo coas seguintes modalidades:

  • Acceso directo para persoas que, tendo recoñecida a situación de dependencia, se lles asigne a axuda no fogar na correspondente resolución de Programa individual de Atención, conforme ao establecido no Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema na Comunidade Autónoma de Galicia, así como na Orde do 17 de decembro do 2007 pola que se establecen os criterios para a elaboración do Programa Individual de Atención, fixación das intensidades de protección dos servizos, réxime de incompatibilidades das prestacións e xestión das prestacións económicas.
  • Réxime de libre concorrencia para as persoas que non teñan recoñecemento da situación de dependencia, ou non lles asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención a dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006. O acceso ao servizo, logo da prescrición técnica favorable dos servizos sociais de atención primaria, resolverase en réxime de libre concorrencia de acordo cos criterios establecidos nesa ordenanza.

Servizo de atención telefónica ininterrompida cun equipamento de comunicacións e informática específicos. O sistema consta dunha unidade de alarma que leva a persoa, un terminal telefónico e unha central informatizada, receptora de chamadas situada no Centro de Atención. Permite ás persoas usuarias, ante calquera situación de emerxencia e con tan só premer un botón, comunicarse coa central, atendida por persoal especializado, para dar resposta á situación comunicada. É requisito imprescindible para poder ser persoa usuaria dispoñer de liña telefónica.

Acceso o programa:

  • O servizo de teleasistencia está incluído no catálogo de servizos e prestacións do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro. Para acceder a el deberase acreditar o recoñecemento da situación de dependencia, conforme ao calendario previsto. Cando unha persoa estea interesada en acceder a este servizo terá que formulalo na solicitude de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema e sinalar como expectativa o servizo de teleasistencia, ademais de acompañar a documentación preceptiva establecida no artigo 21 do citado decreto. No suposto de que, unha vez valorada a persoa solicitante, non acadara un grao e nivel de dependencia implantado segundo o calendario establecido na disposición final primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, a solicitude do servizo de teleasistencia será derivada de oficio e tramitarase polo procedemento de libre concorrencia que se determine para o efecto. As Deputacións, a través do convenio que ten establecido o IMSERSO e maila FEMP, asumen a prestación da teleasistencia ás persoas que non teñan recoñecida unha situación de dependencia.

O Programa de educación familiar (PEF) é un servizo municipal de apoio educativo e psicosocial dirixido ás familias para favorecer o cumprimento das súas necesidades, o seu benestar e plena participación na comunidade. Este programa pretende detectar e anticiparse ás situacións de dificultade social, promovendo procesos de cambio e dotando ás familias das competencias necesarias para un axeitado exercicio das funcións familiares, facilitando procesos de autonomía, responsabilidade e participación social.

O programa Xantar na casa concíbese como un programa de atención nutricional social e está dirixido a colectivos de persoas maiores e en situación de dependencia. A súa finalidade e obxectivo principal é brindar apoio no fogar, a quen o necesite e o demande, mediante as prestacións alimentarias e o seguimento persoal para mellorar a calidade de vida e a autonomía dos seus usuarios.

Desde unha perspectiva integral, este servizo ofrece a posibilidade de complementar o servizo de axuda no fogar e atender as necesidades relacionadas coa alimentación das persoas maiores e doutros colectivos ou usuarios que precisen o servizo. Ao mesmo tempo, con este servizo preténdese que os usuarios manteñan ao máximo a súa propia capacidade de independencia e autonomía, e que teñan a posibilidade de aloxarse nas súas propias vivendas cunhas condicións aceptables. En definitiva, búscase prestar máis atención e coidado ás persoas que o precisen no seu propio contorno, evitar o desarraigo ou atrasar a posible institucionalización. E, no ámbito familiar, preténdese contribuír ao proceso de igualdade e conciliación da vida familiar e laboral.

Programa do Concello de Oroso que promove o cambio nas relacións familiares implicando non só ás persoas proxenitoras, senon tamén aos fillos e fillas.

Grupo de idade das persoas participantes: 11-14 anos

Número de sesións: 6

Características das sesións: sesións de dúas horas de duración nas que participan persoas proxenitoras e fillos e fillas.
A primeira hora, en espazos separados, trabállase por un lado coas persoas proxenitoras e por outro lado, coas fillos e fillas.
Na segunda hora trabállase con pais, nais, fillos e fillas en conxunto nun espazo común.

Profesionais que o imparten: Educadoras Sociais de Igaxes expertas en Intervención Familiar.

Opcional:

    Obxectivos xerais:
    • Mellorar as habilidades parentais e filiais para relacións familiares positivas.
    • Aumentar as habilidades sociais dos fillos e das fillas.

    Obxectivos específicos:
    • Mellorar a comunicación e os vínculos familiares.
    • Posibilitar a aprendizaxe da resolución de conflitos na familia.
    • Aumentar o tempo compartido entre a familia.
    • Posibilitar a organización e a planificación familiar.
    • Promover unha atención e un recoñecemento positivos e aplicar reforzamento positivo.
    • Aumentar a supervisión parental e a disciplina positiva.
    • Aumentar o vínculo e o apego á escola dos fillos e das fillas.
    • Reducir o retraemento e a timidez dos fillos e fillas ademáis de outros factores limitadores.
    • Reducir e/ou previr o abuso de tabaco, alcohol e outras drogas, ademáis de outras conductas de risco.