Oroso inicia o camiño para revisar o seu PXOM e adaptalo á nova realidade do municipio
A Xunta de Galicia financiará ao 100 % a elaboración do estudo previo que marcará o inicio da revisión do planeamento urbanístico.
O proceso iniciará en xullo de 2026 e incluirá unha fase de participación e presentación de alegacións por parte da cidadanía e dos propietarios a finais de ano.
O alcalde, Alex Doval, destaca que o novo PXOM permitirá planificar con responsabilidade o crecemento de Sigüeiro e das parroquias para os vindeiros anos.
O Concello de Oroso dá un paso decisivo para iniciar a revisión do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal, co obxectivo de adaptar o planeamento urbanístico ás novas necesidades, ao crecemento e á realidade actual do municipio.
O alcalde de Oroso, Alex Doval, firmou o convenio coa Directora Xeral de Urbanismo,
Encarnación Rivas, para abordar o inicio deste proceso, que será financiado ao 100 % pola Xunta de Galicia.
O primeiro paso será a elaboración do preceptivo estudo previo, que arrancará o
vindeiro mes de xullo. Este documento servirá como base inicial para definir as liñas marco da futura revisión do PXOM, analizando a situación actual do municipio e establecendo as orientacións necesarias para avanzar cara a un planeamento máis
actualizado, útil e adaptado á realidade urbanística de Oroso.
O alcalde, Alex Doval, destacou que “Oroso necesita un PXOM pensado para o
presente e para o futuro, que dea resposta ás necesidades reais da veciñanza, das
parroquias, das familias e do desenvolvemento do municipio”. Neste sentido, sinalou
que “este é un paso moi importante para ordenar o crecemento de Oroso, dar
seguridade xurídica e planificar con responsabilidade o municipio que queremos para
os vindeiros anos”.
Doval puxo en valor a colaboración da Xunta de Galicia neste proceso, especialmente
polo financiamento íntegro desta primeira fase. “Falamos dun proceso complexo e
longo, pero tamén imprescindible. Por iso é fundamental contar co apoio da Xunta
para avanzar con rigor, con planificación e sen que este primeiro traballo supoña un custo para as arcas municipais”, afirmou.
O rexedor tamén incidiu na importancia de que o novo marco urbanístico teña en conta tanto o núcleo urbano de Sigüeiro como a realidade das parroquias. “Oroso medrou, cambiou e ten novas demandas. O plan urbanísitico ten que acompañar esa evolución, respectando a identidade do municipio, pero permitindo dar resposta aos retos actuais e futuros”, subliñou.
Con este primeiro paso, o Concello de Oroso inicia unha folla de ruta clara para
avanzar na revisión do PXOM, un instrumento clave para o desenvolvemento
ordenado do municipio, a mellora da calidade de vida da veciñanza e a planificación
dos servizos e infraestruturas dos vindeiros anos.
Segundo o calendario previsto, a primeira fase de elaboración do estudo previo
desenvolverase entre o 1 de xullo e o 1 de novembro de 2026. A continuación abrirase un período para a presentación de achegas e alegacións por parte dos propietarios e da cidadanía, entre o 1 de novembro de 2026 e o 1 de febreiro de 2027.
Posteriormente, estas alegacións serán analizadas polos equipos técnicos entre o 1 de febreiro e o 1 de maio de 2027, coa previsión de contar cun documento final entre o 1 de maio e o 1 de xullo de 2027.


