Oroso inaugura a XXVIII Festa da Troita cun showcooking dedicado á tradición e á innovación gastronómica
O Concello de Oroso deu comezo este venres á programación da XXVIII Festa da Troita cun showcooking especial celebrado no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, unha actividade que serviu para poñer en valor a troita como un dos produtos máis representativos da gastronomía e da identidade do municipio.
A sesión culinaria estivo dirixida polo cociñeiro Álex Iglesias, que elaborou diferentes propostas gastronómicas nas que combinou receitas tradicionais con técnicas e presentacións innovadoras, ofrecendo ás persoas asistentes unha experiencia que uniu sabor, creatividade e produto local.
Durante o showcooking, o público puido coñecer distintas formas de preparación da troita, protagonista indiscutible desta celebración gastronómica, nunha actividade que buscou destacar a riqueza culinaria vinculada ao río Tambre e á tradición pesqueira da contorna.
O acto contou tamén coa presenza da conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, que participou nesta apertura oficial da programación e destacou a importancia de iniciativas que contribúen á promoción dos produtos locais e á dinamización gastronómica e turística dos concellos galegos.
Desde o Concello de Oroso quérese agradecer a participación de todas as persoas asistentes, así como a colaboración do GDR Asdecomor, entidade que colaborou na organización desta actividade enmarcada dentro da programación da Festa da Troita.
A celebración deste showcooking supón o arranque dunha nova edición dunha das festas máis emblemáticas de Oroso, que durante toda a fin de semana combinará gastronomía, tradición, música, actividades culturais e propostas para todos os públicos.
Con esta nova edición, a Festa da Troita continúa consolidándose como unha cita destacada no calendario festivo e gastronómico da comarca, contribuíndo á promoción do municipio e á posta en valor da súa cultura e tradición culinaria.




