A gastronomía será protagonista na Festa da Troita cun showcooking de Alex Iglesias

Alex Iglesias

A XXVIII Festa da Troita de Oroso incorpora este ano unha proposta gastronómica de primeiro nivel cun showcooking en directo que terá como protagonista a troita, un dos produtos máis representativos do territorio e da tradición culinaria local.

A actividade celebrarase o venres 8 de maio, ás 19:00 horas, no Centro Cultural Fernando Casas de Novoa, e contará coa participación do recoñecido cociñeiro Alex Iglesias, quen ofrecerá unha demostración culinaria na que combinará receitas tradicionais con propostas innovadoras.

Durante o showcooking, as persoas asistentes poderán descubrir diferentes formas de preparar este produto, apostando pola calidade da materia prima e a creatividade na cociña. Ademais, a actividade incluirá unha degustación de pratos elaborados no momento, entre os que se atopan:

  • Ceviche de troita fresca con mango e lima
  • Ensalada de troita afumada con queixo San Simón e froitos secos
  • Guiso rústico de troita con faba de Lourenzá

Esta iniciativa busca poñer en valor a gastronomía de proximidade, destacando produtos locais e receitas que combinan tradición e vangarda, ao tempo que se promove o talento culinario galego.

A actividade é de carácter gratuíto, pero conta cun aforo limitado a 40 persoas, polo que será necesaria inscrición previa na Casa do Concello ou a través dos teléfonos 604 021 185 ou 981 691 478.

O showcooking está organizado polo Concello de Oroso e conta coa colaboración do GDR Asdecomor, no marco dun proxecto de cooperación orientado á promoción do territorio e dos seus recursos.

Unha oportunidade única para desfrutar da cociña en directo e descubrir novas formas de saborear a troita, nunha das citas máis destacadas da programación da Festa da Troita.

Compartir: