Día das Letras Galegas 2025 - Cancioneiro Popular Galego

Alumnado do CRA de Oroso durante a charla-concerto didáctico.

Estes días estamos celebrando o Día das Letras Galegas nos centros educativos do concello cunha programación moi especial. Onte comezamos co alumnado do CRA de Oroso, que participou nunha charla-concerto didáctico para coñecer e homenaxear ás grandes cantareiras da nosa tradición oral: Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido... e moitas outras que forman parte da nosa memoria colectiva.

Durante a actividade presentáronse instrumentos tradicionais como a pandeireta, o pandeiro ou as cunchas, aprendéronse melodías e xogouse para recoñecer o valor do noso patrimonio musical.

Nos vindeiros días, o resto dos centros educativos do concello tamén participarán nesta iniciativa que pon en valor a nosa lingua, a nosa música e ás mulleres que a fixeron soar.

Oroso celebra, aprende e honra ás que nos precederon. Porque a nosa historia tamén se canta.

Compartir: