Oroso inicia as obras de mellora do Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa cun investimento de preto de 40.000 euros
O Concello de Oroso vén de iniciar as obras de mellora do Centro Cultural Fernando de Casas Novoa, cun investimento de preto de 40.000 euros, financiado ao abeiro dunha axuda da Xunta de Galicia destinada á mellora das infraestruturas culturais.
A intervención centrarase na mellora dos accesos ao edificio e na renovación da pintura interior do auditorio, co obxectivo de modernizar as instalacións, mellorar as condicións de uso e contribuír á conservación dun dos principais equipamentos culturais e sociais do municipio.
Con motivo do inicio dos traballos, a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, visitou as instalacións acompañada polo alcalde de Oroso, Álex Doval. Durante a visita, ambos puideron coñecer os detalles da actuación e as melloras previstas.
O alcalde de Oroso, Álex Doval, destacou a importancia de continuar investindo no mantemento e na mellora dos equipamentos públicos municipais. «O Centro Cultural Fernando de Casas Novoa é un espazo fundamental para a vida cultural de Oroso, polo que é importante mantelo nas mellores condicións posibles. Con esta actuación damos resposta a necesidades de mellora das instalacións», sinalou.
Doval agradeceu tamén a colaboración da Xunta de Galicia, subliñando que «a cooperación entre administracións permítenos seguir acometendo melloras nos equipamentos municipais, neste caso nun centro que acolle boa parte da programación cultural e social de Oroso ao longo do ano».
As obras permitirán mellorar as condicións de acceso e o estado interior do auditorio, contribuíndo a ofrecer unhas instalacións máis coidadas e adecuadas para o desenvolvemento das actividades programadas.
O Centro Cultural Fernando de Casas Novoa constitúe un espazo de referencia para a vida cultural e social de Oroso, ao acoller ao longo do ano representacións teatrais, espectáculos, actividades culturais e diferentes encontros abertos á cidadanía. Con esta actuación, o Concello continúa avanzando na conservación e modernización dos equipamentos municipais, co propósito de ofrecer á veciñanza espazos públicos en boas condicións.


