O Concello de Oroso retoma en outubro as reunións veciñais nas parroquias para escoitar as propostas da veciñanza

Conversa co Alcalde

Os encontros, baixo o lema «Conversa co alcalde», desenvolveranse entre o 5 e o 26 de outubro e permitirán abordar de maneira directa as necesidades e os proxectos de cada zona

O Concello de Oroso pon en marcha durante o mes de outubro unha nova rolda de reunións veciñais nas parroquias do municipio, unha iniciativa que busca reforzar o contacto directo coa veciñanza e facilitar un espazo aberto de diálogo no que trasladar propostas, necesidades e suxestións sobre as diferentes zonas de Oroso.

Baixo o lema «Reunións veciñais | Conversa co alcalde», o alcalde de Oroso, Álex Doval, participará nestes encontros, que permitirán coñecer de primeira man as cuestións que máis preocupan ou interesan á veciñanza e abordar tamén os proxectos, actuacións e melloras previstas ou en marcha en cada parroquia.

A nova rolda de reunións desenvolverase ao longo de dez xornadas, entre o 5 e o 26 de outubro, e todas as citas están programadas para as 20.00 horas.

Calendario das reunións

  • 5 de outubro · Ánxeles, Calvente e Pasarelos - Local Social
  • 6 de outubro · Marzoa — Local Social
  • 7 de outubro · Senra — Local Social
  • 8 de outubro · A Gándara — Local Social
  • 13 de outubro · Deixebre — Local Social
  • 14 de outubro · Vilarromarís — Local Social
  • 15 de outubro · Cardama — Local Social
  • 19 de outubro · Trasmonte — Local Social
  • 20 de outubro · Oroso — Local Social
  • 26 de outubro · Sigüeiro — Auditorio

  • Todos os encontros darán comezo ás 20.00 horas.

    Un espazo para falar directamente coa veciñanza

    Estas reunións teñen como finalidade favorecer unha comunicación directa e próxima entre o Concello e a cidadanía, achegando a actividade municipal ás diferentes parroquias e facilitando que as persoas residentes en cada zona poidan expoñer directamente as súas necesidades e formular propostas.

    Durante os encontros poderanse abordar cuestións relacionadas coa realidade diaria de cada parroquia, así como coñecer os proxectos e actuacións municipais que afectan ás distintas zonas do concello. O formato permitirá tamén manter unha conversa aberta e intercambiar opinións sobre aquelas cuestións que a veciñanza considere de interese.

    O Concello de Oroso anima á veciñanza das distintas parroquias a participar nestas reunións e aproveitar este espazo de diálogo para trasladar as súas propostas e inquietudes, contribuíndo así á mellora dos servizos e dos espazos públicos e á planificación das actuacións municipais.

    Con esta nova rolda de encontros, o Concello continúa apostando pola proximidade e pola participación veciñal, entendendo que o contacto directo coa cidadanía é unha ferramenta fundamental para coñecer a realidade de cada núcleo e seguir avanzando na mellora de Oroso.

    Un espazo aberto para conversar, escoitar propostas e seguir mellorando Oroso desde a proximidade.

    Compartir: