Diego Ríos Noya cumpre 66 anos de sacerdocio cunha longa traxectoria vinculada a Oroso

O alcalde de Oroso, Álex Doval, e o concelleiro de Deportes, Carlos Fernández, acompañando os sacerdotes Diego Ríos Noya e José Luis Rey Tear.

O sacerdote Diego Ríos Noya vén de cumprir 66 anos desde a súa ordenación sacerdotal, celebrada o 28 de agosto de 1960 en Santiago de Compostela, nunha traxectoria marcada por décadas de dedicación pastoral e por unha estreita vinculación co Concello de Oroso.

Natural de San Xoán de Campo, en Trazo, Diego Ríos Noya foi ordenado sacerdote polo cardeal Fernando Quiroga Palacios xunto con outros 46 diáconos. Poucos días máis tarde, o 4 de setembro de 1960, celebrou a súa primeira misa na igrexa parroquial da súa localidade natal, acompañado pola súa familia e numerosos amigos.

A súa relación con Oroso comezou practicamente desde os primeiros meses do seu ministerio. En decembro de 1960 chegou ao seu primeiro destino pastoral, facéndose cargo de San Martiño de Marzoa, en Oroso, e San Martiño de Galegos, en Frades, onde permaneceu preto de 22 anos. Durante a etapa final desta primeira responsabilidade parroquial tamén estivo encargado das parroquias de Senra e Cardama.

En xuño de 1982 iniciou unha nova etapa na parroquia de Sofán, onde desenvolveu o seu labor durante máis de 24 anos, compatibilizándoo nalgúns períodos con outras parroquias. En 2006, tras deixar as súas responsabilidades pastorais por motivos de saúde, trasladouse a Sigüeiro, onde continuou mantendo a súa vinculación coa Igrexa e coa comunidade. Nos seus propios escritos, Diego Ríos lembra esta etapa sinalando que en Sigüeiro se atopou “moi a gusto e feliz”.

O alcalde de Oroso, Alex Doval, quixo trasladarlle o recoñecemento e o afecto do municipio por unha vida dedicada ao servizo aos demais. “Son 66 anos de sacerdocio e unha vida enteira vinculada ás persoas, ás parroquias e á zona. Para Oroso é especialmente significativo que unha parte tan importante da súa traxectoria estea ligada ao noso concello”, sinalou.

Doval destacou tamén “a pegada que deixan persoas como Diego Ríos, que durante décadas acompañaron xeracións enteiras de veciños e veciñas nos momentos importantes das súas vidas, e, a pesar da idade, segue con case 93 anos cumprindo coas súas obrigas e a carón dos veciños”, e trasladoulle os parabéns en nome do Concello por este aniversario.

Compartir: