O ED Xuventude Oroso proclámase campión do I Torneo Concello de Oroso

Homenaxe a Tonecho Liñares (Sigüeiro FC), José Ferro (ED Xuventude Oroso), e José María Rama (SD Deixebre), en agradecemento pola súa longa traxectoria e polo traballo desenvolvido durante máis de dúa
Xogadores dos equipos participanes, directivos e membros do equipo de goberno de Oroso.
ED Xuventude Oroso, gañadores do I Torneo Concello de Oroso.

O Campo Municipal Lino Balado viviu esta tarde unha xornada especial para o fútbol local coa celebración da primeira edición do Torneo Concello de Oroso, unha iniciativa promovida polo Concello coa participación dos catro clubs do municipio: ED Xuventude Oroso, SD Deixebre, Sigüeiro FC e Atlético Orosino.

A competición, que se desenvolveu ao longo da tarde, converteu o Lino Balado nun punto de encontro para xogadores, corpos técnicos, directivas, familias e afeccións, nun ambiente marcado pola deportividade e pola convivencia entre as entidades deportivas de Oroso. O torneo nace coa vontade de converterse nunha cita de referencia para o fútbol municipal e de reforzar os lazos de colaboración entre os clubs.

Tras os encontros disputados durante a xornada, o ED Xuventude Oroso proclamouse vencedor desta primeira edición, levantando o trofeo de campión. A segunda posición foi para a SD Deixebre, mentres que o Sigüeiro FC ocupou a terceira praza e o Atlético Orosino rematou en cuarta posición.

Recoñecemento a máis de dúas décadas dedicadas ao fútbol de Oroso

Un dos momentos máis emotivos da xornada foi o recoñecemento realizado a tres históricos presidentes dos clubs do municipio, que tras máis de 20 anos ao fronte das súas respectivas entidades deixan agora paso a novas persoas responsables.

O acto serviu para homenaxear a Tonecho Liñares, do Sigüeiro FC; José Ferro, da ED Xuventude Oroso; e José María Rama, da SD Deixebre, en agradecemento pola súa longa traxectoria e polo traballo desenvolvido durante máis de dúas décadas.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, quixo destacar especialmente esta parte da xornada: “É de ben nacidos ser agradecidos”, sinalando que o torneo era tamén unha oportunidade para renderlles unha merecida homenaxe a tres persoas que dedicaron boa parte da súa vida ao crecemento dos seus clubs.

Doval agradeceu a Tonecho Liñares, José Ferro e José María Rama “o voso traballo constante, a vosa dedicatoria e o voso compromiso co deporte e co noso concello durante todos estes anos”, destacando que a súa traxectoria forma xa parte da historia do fútbol de Oroso.

O rexedor trasladou tamén os seus parabéns ao Xuventude de Oroso pola consecución do primeiro Torneo Concello de Oroso.

Unha festa do fútbol municipal

A celebración desta primeira edición permitiu poñer en valor o importante papel que desenvolven os clubs deportivos no municipio ao longo de todo o ano. Máis aló da competición, o torneo serviu para crear un espazo común no que as catro entidades puideron compartir protagonismo e facer partícipe á súa afección dunha xornada dedicada ao fútbol local.

O Concello de Oroso quere agradecer a participación e implicación dos catro clubs —ED Xuventude Oroso, SD Deixebre, Sigüeiro FC e Atlético Orosino—, así como o traballo das súas directivas, equipos técnicos, xogadores e persoas voluntarias.

O agradecemento faise extensivo tamén a todas as afeccións, familias e veciños e veciñas que se achegaron ao Campo Municipal Lino Balado para acompañar aos equipos e contribuír ao ambiente festivo desta primeira edición.

O I Torneo Concello de Oroso nace así como unha nova iniciativa destinada a fortalecer o deporte local e a colaboración entre as entidades deportivas do municipio, coa intención de que esta primeira experiencia teña continuidade e se consolide nos próximos anos como unha cita anual do calendario deportivo orosán.

Parabéns ao ED Xuventude Oroso polo título e grazas a todos os clubs, deportistas, directivas, afeccións e persoas colaboradoras por facer posible esta primeira festa do fútbol de Oroso.

Compartir: