O XIII Festival Folk do Carboeiro encheu de música, tradición e ambiente festivo o Paseo do Carboeiro

O alcalde de Oroso, Álex Doval, a concelleira de Cultura, María Requejo, e os concelleiros Carlos Fernández e Oscar Rodríguez, no Festival Folk do Carboeiro
XIII Festival Folk do Carboeiro
Actuacións do XIII Festival Folk do Carboeiro

O Paseo do Carboeiro volveu converterse este domingo nun gran escenario ao aire libre coa celebración da XIII edición do Festival Folk do Carboeiro, unha cita xa plenamente consolidada no calendario cultural de Oroso que reuniu centos de persoas arredor da música tradicional, a cultura popular e a artesanía.

Organizado pola Asociación Folklórica Lembranzas do Tambre, coa colaboración do Concello de Oroso, o festival desenvolveuse nun ambiente inmellorable, favorecido tamén polo bo tempo, permitindo que veciños, veciñas e visitantes desfrutasen dunha completa programación nunha das contornas naturais máis emblemáticas do municipio.

Ao longo da xornada sucedéronse as actuacións de música e baile tradicional, os obradoiros participativos e a feira de artesanía, convertendo o Paseo do Carboeiro nun espazo de encontro interxeracional no que a cultura galega foi a gran protagonista. O festival volveu demostrar a súa capacidade para atraer público de todas as idades, combinando lecer, tradición e convivencia nun ambiente familiar.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, participou nesta nova edición e destacou a importancia dunha iniciativa que "volve encher de cultura, tradición e vida o Paseo do Carboeiro". O rexedor agradeceu tamén o excelente traballo desenvolvido pola Asociación Folklórica Lembranzas do Tambre e polo Departamento de Cultura do Concello, sinalando que a colaboración entre ambas as partes permite que este festival continúe medrando ano tras ano e se consolide como unha das grandes citas culturais do verán en Oroso.

Dende o Concello de Oroso queremos expresar o noso máis sincero agradecemento á Asociación Folklórica Lembranzas do Tambre pola súa dedicación e compromiso coa promoción da música e da cultura tradicional galega, así como a todas as persoas voluntarias, colaboradores, artesáns, grupos participantes e asistentes que fixeron posible o éxito desta décimo terceira edición.

O Festival Folk do Carboeiro constitúe xa unha referencia dentro da programación cultural do municipio e reafirma a aposta de Oroso pola conservación e difusión do patrimonio inmaterial galego, creando espazos de encontro nos que a música tradicional, as nosas raíces e a participación cidadá son as grandes protagonistas.

Co éxito desta nova edición, o Festival Folk do Carboeiro continúa consolidándose como unha cita imprescindible do verán, contribuíndo a dinamizar a vida cultural de Oroso e a proxectar o municipio como un referente na promoción da cultura popular galega.

Compartir: