Oroso rende homenaxe ao deporte local nunha Gala do Deporte centrada na canteira

O alcalde de Oroso, Álex Doval, e o concelleiro de Deportes, Carlos Fernández, durante a presentación da Gala do Deporte 2026
O concelleiro de Deportes, Carlos Fernández, durante a súa internvención na Gala do Deporte 2026
O goberno local do Concello de Oroso durante a entrega de premios da Gala do Deporte 2026

O Concello de Oroso celebrou unha nova edición da Gala do Deporte, un dos actos máis emotivos do calendario deportivo municipal, no que se rende homenaxe ao esforzo, á dedicación e ao compromiso dos clubs, deportistas, adestradores, familias e persoas que, co seu traballo diario, fan posible que o deporte continúe medrando no municipio.

A principal novidade desta edición foi a estrea dun formato renovado, deseñado especialmente para que os máis pequenos fosen os auténticos protagonistas da celebración. A gala apostou por unha dinámica máis participativa, próxima e adaptada á infancia, converténdose nunha auténtica festa do deporte base na que se recoñeceu o traballo realizado ao longo da tempada.

Durante o acto púxose en valor o importante labor que desenvolven as entidades deportivas de Oroso, que cada semana ofrecen aos nenos e nenas do municipio a oportunidade de practicar deporte, aprender valores e medrar nun ambiente de compañeirismo, esforzo e superación. Máis alá dos resultados deportivos, a gala serviu para destacar o papel fundamental que desempeñan os clubs na formación persoal da mocidade.

Na súa intervención, o alcalde de Oroso, Álex Doval, quixo agradecer o compromiso de todas as persoas que forman parte do tecido deportivo local. "Quixemos recoñecer o traballo, o esforzo e a ilusión dos nosos clubs, deportistas e familias, que fan que o deporte siga medrando cada día no noso concello", sinalou.

O rexedor tivo tamén palabras de agradecemento para os clubs deportivos, os nenos e nenas, as familias, o persoal do Centro Deportivo Municipal e todas aquelas persoas que, desde diferentes ámbitos, contribúen a que Oroso conte cunha intensa actividade deportiva ao longo de todo o ano.

Doval destacou ademais a aposta do Concello por un novo formato da Gala do Deporte, pensado especialmente para os máis pequenos. "Este ano apostamos por un cambio de formato, pensado especialmente para eles, para que tamén desfrutasen dunha gala máis próxima, máis dinámica e máis súa", explicou.

Así mesmo, puxo en valor o excelente momento que vive o deporte local, asegurando que "o deporte en Oroso ten presente, ten futuro e ten moitísimo talento", unha realidade que, segundo indicou, anima ao Concello a continuar apoiando o deporte base, mellorando os recursos municipais e colaborando estreitamente coas entidades deportivas.

O Concello de Oroso quere expresar o seu agradecemento a todos os clubs deportivos do municipio, ao persoal do Centro Deportivo Municipal, aos adestradores e adestradoras, ás familias e ao voluntariado, cuxa implicación resulta esencial para que centos de nenos e nenas poidan practicar deporte cada semana en condicións óptimas.

A Gala do Deporte volveu converterse nun punto de encontro para toda a familia deportiva de Oroso e nun recoñecemento colectivo ao traballo que se realiza durante todo o ano. Unha celebración que reafirma o compromiso do Concello coa promoción da actividade física como ferramenta de educación, saúde, integración e convivencia, e que pon en valor unha canteira deportiva que continúa medrando e levando o nome de Oroso por toda Galicia.

Parabéns a todos os clubs, deportistas e familias por unha tempada chea de esforzo, aprendizaxe e éxitos. Feliz verán e moita sorte na próxima tempada.


Galería fotográfica



Compartir: