A Praza Isaac Díaz Pardo reuniu á canteira do Xadrez Oroso nunha gran festa de fin de curso
A nova Praza Isaac Díaz Pardo converteuse nun gran taboleiro ao aire libre coa celebración do Torneo de Clausura da Escola de Xadrez Oroso, unha xornada que reuniu a medio cento de nenos e nenas xunto ás súas familias para poñer o broche final a un curso cheo de aprendizaxe, convivencia e éxitos deportivos.
O evento permitiu que a veciñanza puidese achegarse e coñecer de preto a actividade que desenvolve o Club Xadrez Oroso, nun espazo aberto no que o talento da súa canteira foi o gran protagonista. A pesar de celebrarse nun día laborable e das altas temperaturas, preto de 50 xogadores e xogadoras participaron nun torneo que destacou polo excelente ambiente e polo elevado nivel demostrado polos máis novos.
Ao remate da competición fíxose entrega dos premios das diferentes categorías, resultando gañadores Antía, Daniela, Manuel, Laura e Hugo. O gran protagonista da xornada foi Mateo, que, a pesar de competir na categoría Sub-14, proclamouse campión absoluto do torneo tras conseguir seis vitorias en seis partidas, asinando unha actuación impecable.
Dende o Concello de Oroso queremos felicitar a todos os participantes polo seu compromiso, esforzo e deportividade ao longo da tempada, así como agradecer a implicación das familias, fundamentais para o crecemento desta disciplina no municipio.
O recoñecemento faise extensivo tamén aos mestres Roberto Patiño e Fernando Sánchez, responsables da formación dunha canteira que continúa acadando excelentes resultados e consolidando a Oroso como un referente do xadrez base en Galicia. O Club Xadrez Oroso, fundado en 2011, leva máis dunha década promovendo este deporte entre persoas de todas as idades e fomentando valores como a concentración, o respecto e o pensamento estratéxico.
O alcalde de Oroso, Álex Doval, e o concelleiro de Deportes, Carlos Fernández, quixeron acompañar aos participantes durante a entrega de premios, destacando a importancia de seguir apoiando iniciativas que fomentan o deporte base e a formación da mocidade. Ambos trasladaron a súa satisfacción polo gran nivel da escola e polo papel que desempeña o club na promoción dunha actividade que combina aprendizaxe, convivencia e desenvolvemento persoal.
Con esta festa de clausura remata unha nova tempada para a Escola de Xadrez Oroso, que despide o curso cunha excelente participación e coa ilusión de continuar formando novas xeracións de xogadores e xogadoras que xa son un orgullo para o municipio.




