O Consello da Xunta renova o convenio para garantir o comedor escolar no CEIP do Camiño Inglés durante o curso 2026/2027

CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés

O Consello da Xunta aprobou a renovación do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e o Concello de Oroso para a xestión do servizo de comedor escolar no CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés durante o curso 2026/2027. A través deste acordo, garantirase a prestación dun servizo esencial para a comunidade educativa, que dará cobertura a un total de 130 alumnos e alumnas do centro.

Esta colaboración institucional forma parte das distintas liñas de apoio que a Xunta de Galicia mantén para favorecer o acceso ao comedor escolar e facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. O comedor do CEIP do Camiño Inglés constitúe un recurso fundamental para numerosas familias de Oroso, especialmente nun contexto no que cada vez son máis os fogares que precisan compatibilizar os horarios laborais coas actividades lectivas dos seus fillos e fillas.

A renovación deste convenio supón ademais un incremento da capacidade respecto ao acordo inicial asinado entre ambas administracións en 2022, que contemplaba un máximo de 110 usuarios. O novo convenio permitirá atender ata 130 escolares, dando resposta ao crecemento da demanda rexistrada nos últimos anos e á evolución da matrícula do centro educativo.

A aposta pola mellora dos servizos educativos en Oroso vén acompañada doutras actuacións impulsadas nos últimos cursos. Entre elas destaca a creación dunha segunda liña de Educación Infantil no propio CEIP do Camiño Inglés para atender o incremento de alumnado, así como diversas obras de mellora e modernización das instalacións educativas promovidas pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, ten reiterado en distintas ocasións a importancia da colaboración entre administracións para seguir reforzando os servizos públicos do municipio e atender as necesidades das familias. Neste sentido, a renovación do convenio do comedor escolar constitúe unha nova mostra do traballo conxunto entre o Concello e a Xunta para continuar mellorando a calidade dos servizos educativos e favorecer o benestar da veciñanza.

Desde o Concello de Oroso valorase moi positivamente esta decisión, que permitirá manter un servizo clave para a conciliación e seguir ofrecendo ás familias un recurso consolidado e de calidade dentro da oferta educativa municipal. O comedor escolar do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés continuará así sendo unha peza fundamental na organización diaria de centos de fogares do municipio durante o próximo curso académico.

Compartir: