Oroso continúa cos Martes de Praia para facilitar ás familias o desprazamento ao mar durante o verán
O Concello de Oroso volve poñer en marcha este verán os
Martes de Praia, unha proposta pensada para facilitar á veciñanza o desprazamento á
praia durante os meses de xullo e agosto e ofrecer unha alternativa de lecer familiar, convivencia e desfrute do tempo libre.
A iniciativa desenvolverase durante varias xornadas estivais, con saídas previstas para os días 7, 14, 21 e 28 de xullo, así como para os días 6, 13, 20 e 27 de agosto. A hora de saída será ás 9:30 horas.
O servizo contará con prazas limitadas a un autobús e terá preferencia para as
persoas empadroadas no Concello de Oroso. A reserva deberase realizar no propio
Concello, mentres que o pagamento efectuarase directamente no autobús.
O percorrido do bus incluirá paradas en Marzoa, Grabanxa, Senra, Cardama,
Villarromarís, Deixebre, Trasmonte, Oroso, A Gándara e Sigüeiro, facilitando así a
participación da veciñanza das diferentes parroquias do municipio.
Os prezos establecidos serán de 10 euros para persoas adultas e 5 euros para nenos
e nenas.
O alcalde de Oroso, Alex Doval, destacou que esta actividade “é unha proposta
sinxela, útil e moi valorada pola veciñanza, especialmente polas familias, porque
permite desfrutar dunha xornada de praia sen preocuparse polo desprazamento”.
Ademais, sinalou que “desde o Concello seguimos apostando por actividades que
fomenten a convivencia, o lecer saudable e a participación das parroquias durante o
verán”.
Con esta nova edición dos Martes de Praia, o Concello de Oroso reforza a súa
programación estival e mantén o seu compromiso coa posta en marcha de propostas
accesibles, familiares e abertas á participación da veciñanza.


