Oroso presenta a maior oferta de campamentos de conciliación da súa historia para o verán de 2026
O Concello de Oroso reuniu recentemente ás entidades deportivas, sociais e culturais do municipio co obxectivo de coordinar e promocionar a programación de campamentos e actividades de conciliación para o verán de 2026, unha oferta que se converte este ano na máis ampla e variada da historia do concello.
En total, as familias de Oroso terán á súa disposición 11 propostas diferentes e centos de prazas, impulsadas tanto polo propio Concello como polo tecido asociativo local, ofrecendo alternativas adaptadas a diferentes idades, intereses e necesidades de conciliación durante os meses estivais.
A programación abrangue actividades deportivas, educativas, lúdicas, sociais e de lecer, consolidando a colaboración entre administración local e entidades do municipio para dar resposta á crecente demanda de recursos de conciliación familiar durante as vacacións escolares.
No ámbito deportivo participan activamente nesta iniciativa o Oroso Club Ciclista, a ED Xuventude de Oroso, o Club Hípico Amazonas de Cabaleiros, o Oroso TM, o Oroso Futsal, o Hockey Oroso, o Club Patín Oroso e os Leones Oroso Béisbol. A esta oferta súmase tamén a colaboración da Asociación AFECTO, ampliando as opcións dispoñibles para as familias do municipio.
A iniciativa compleméntase co programa municipal Concilia2 Verán, organizado polo Concello de Oroso, que volverá ofrecer unha alternativa específica para facilitar a conciliación laboral e familiar durante o período non lectivo.
Desde o Concello destacamos que esta programación é posible grazas á fortaleza do tecido asociativo local e ao compromiso das entidades deportivas e sociais de Oroso, que ano tras ano amplían a súa oferta e contribúen a que a mocidade poida desfrutar dun verán activo, saudable e enriquecedor.
Información e inscricións
As persoas interesadas poden consultar directamente a información publicada por cada entidade organizadora a través das súas canles oficiais:- Concilia2 Verán
- Campus Verán 2026 RCCelta by Cabreiroá da ED Xuventude Oroso
- Campus Biciescola do Oroso Club Ciclista
- OrosoTec Summer Edition da ED Xuventude Oroso
- Campamento de Verán Inclusivos da Asociación AFECTO
- Campamento de Patinaxe do Club Patín Oroso
- Campus Futsal do Oroso FS Clube Deportivo
- Campus do Hockey Oroso
- Campamento de Verán do Club Hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso
- Campamento de Béisbol do Club Leones de Oroso CBS
- Clinic FGTM Verán 2026 do Oroso Tenis de Mesa
O Concello de Oroso agradece a implicación de todas as entidades participantes e reafirma o seu compromiso de seguir traballando para ofrecer ás familias recursos de conciliación cada vez máis completos, accesibles e adaptados ás necesidades da veciñanza.
Con esta programación récord, Oroso consolídase como un dos municipios da comarca con maior oferta de actividades estivais para a infancia e a mocidade, reforzando o seu compromiso co deporte base, a participación social e a conciliación familiar.


