A Xunta e o Concello de Oroso investirán 150.000 euros na mellora da senda entre Oroso Pequeno, o polígono de Sigüeiro e o Parque do Carboeiro
O Concello de Oroso recibiu na mañá deste martes a visita da conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, no polígono industrial de Sigüeiro, nun encontro no que tamén participou o alcalde de Oroso, Álex Doval, para supervisar unha nova actuación de mellora das infraestruturas e da contorna do parque empresarial.
A intervención permitirá acondicionar a senda peonil que conecta Oroso Pequeno co polígono industrial e continúa ata o Parque do Carboeiro, un percorrido moi utilizado tanto por traballadores e veciñanza como por persoas que realizan actividades deportivas ou de lecer.
As obras consistirán na retirada da actual capa de zahorra para substituíla por un novo pavimento de formigón desactivado, unha solución máis resistente, cómoda e integrada na contorna natural, que mellorará notablemente a accesibilidade, a seguridade e a comodidade do tránsito peonil.
O investimento total ascende a 150.000 euros, dos cales 120.000 euros serán financiados pola Xunta de Galicia a través da liña de axudas para a mellora de infraestruturas de parques empresariais, mentres que os 30.000 euros restantes serán achegados polo Concello de Oroso.
Durante a visita, a conselleira destacou a aposta do Goberno galego pola modernización e competitividade dos parques empresariais, dentro dun plan global de investimento en solo industrial e mellora de infraestruturas en toda Galicia. A actuación de Oroso forma parte das axudas autonómicas destinadas á mellora de accesos, pavimentacións, servizos e integración paisaxística dos polígonos industriais galegos.
Pola súa banda, o alcalde Álex Doval destacou a importancia de continuar investindo no polígono de Sigüeiro “para seguir xerando oportunidades, actividade económica e emprego no municipio”, ao tempo que puxo en valor a colaboración institucional entre Concello e Xunta para continuar mellorando os servizos e infraestruturas do parque empresarial.
Desde o Concello de Oroso agradécese á Xunta de Galicia e á conselleira María Jesús Lorenzana a atención ás necesidades do tecido empresarial local e o apoio continuado ás actuacións de modernización do polígono de Sigüeiro, que xa recibiu investimentos autonómicos en anos anteriores para mellorar viais, accesos e servizos.
O Concello continúa así traballando para consolidar o polígono industrial de Sigüeiro como un espazo cada vez máis competitivo, accesible e preparado para atraer novas empresas, favorecer a creación de emprego e impulsar o desenvolvemento económico de Oroso.




