Oroso tamén se descobre camiñando: natureza, río e sendeiros para gozar do verán

Camiño o carón do rio

Coa chegada do bo tempo, os días máis longos e as ganas de pasar máis tempo ao aire libre, o Concello de Oroso anima á veciñanza a descubrir e gozar das contornas naturais do municipio, espazos ideais para pasear, facer exercicio ou simplemente desconectar da rutina diaria.

Os camiños que acompañan o río Tambre, unha das paisaxes máis emblemáticas de Oroso, xa foron desbrozados e acondicionados para facilitar o seu uso e permitir que veciños e visitantes poidan gozar deles nas mellores condicións.

O municipio conta cunha ampla riqueza natural marcada pola presenza do río Tambre e doutros cursos fluviais como o Lengüelle, o Carboeiro, o Samo ou o Maruzo, que atravesan diferentes parroquias creando paisaxes de gran valor ambiental e espazos perfectos para o sendeirismo e o paseo.

Estes sendeiros ofrecen unha alternativa saudable e próxima para desfrutar do tempo libre sen necesidade de ir lonxe: rutas entre árbores e zonas de sombra, recunchos tranquilos xunto ao río e lugares nos que parar, respirar e reconectar coa natureza.

Desde o Concello de Oroso destácase tamén a importancia de coidar estes espazos naturais e facer un uso responsable deles, mantendo os camiños limpos e respectando o entorno para que todos poidamos seguir desfrutando dunha contorna privilexiada.

Oroso é natureza, patrimonio e calidade de vida. Ademais do paso do Camiño Inglés por Sigüeiro, o valor histórico da ponte medieval sobre o Tambre, ou a Vía Verde, o municipio ofrece numerosos espazos naturais que forman parte da identidade do concello e que cada vez son máis utilizados para o lecer, a práctica deportiva e o turismo de proximidade.

Na web municipal oroso.gal, dentro do apartado “Para vivir”, os visitantes poden atopar unha completa guía para descubrir todo o que ofrece o municipio, tanto desde o punto de vista turístico como patrimonial, cultural e natural.

  • Oroso: este apartado permite coñecer mellor o concello a través de información sobre a súa situación xeográfica, historia, demografía, parroquias e patrimonio. Ademais, inclúe guías e planos útiles para visitantes e persoas que desexen descubrir o municipio con máis detalle.
  • Áreas naturais: información sobre diferentes espazos de lecer e contornas naturais de gran valor ambiental, especialmente vinculadas aos numerosos cursos fluviais que atravesan o municipio. Son espazos ideais para pasear, descansar, practicar deporte ou desfrutar da natureza en familia.
  • Turismo: os visitantes poden consultar propostas sobre que facer en Oroso, con especial protagonismo para o paso do Camiño Inglés, a Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, as rutas de sendeirismo e diferentes recursos vinculados ao turismo sostible, deportivo e de natureza.
  • Rueiro: información detallada sobre a localización dos puntos máis destacados do concello, incluíndo patrimonio histórico, áreas naturais, edificios públicos, equipamentos municipais e outros lugares de interese para veciños e visitantes.
  • Camiño Inglés: a web dedica un apartado específico ao trazado xacobeo ao seu paso por Oroso, cunha ampla información práctica para peregrinos e turistas, incluíndo aloxamentos, establecementos de hostalaría, lugares onde comer, servizos e puntos de interese ao longo da ruta...


Este verán, o Concello convida a redescubrir Oroso paso a paso, gozando dos seus camiños, das súas paisaxes e de todo o que ofrece o noso entorno natural.

Compartir: