Oroso amosa o seu compromiso coa inclusión na II Andaina Solidaria AFECTO
O Concello de Oroso acolleu esta mañá a celebración da II Andaina Solidaria AFECTO, unha iniciativa solidaria organizada pola Asociación de Familias de Coidadores TEA de Oroso (AFECTO) coa colaboración municipal, que reuniu a numerosas familias, veciños e veciñas nunha xornada marcada pola participación, a convivencia e o compromiso social.
A andaina, cun percorrido accesible de aproximadamente tres quilómetros con saída desde a Praza do Concello, desenvolveuse nun ambiente familiar e participativo, converténdose nun espazo de encontro para visibilizar a realidade das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e apoiar ás súas familias. A iniciativa tivo ademais un carácter solidario, destinándose as inscricións á actividade e proxectos desenvolvidos pola asociación AFECTO.
Dende o Concello de Oroso quérese agradecer especialmente a implicación da Asociación AFECTO, así como o traballo do voluntariado e de todas as persoas que colaboraron na organización desta segunda edición, consolidando unha actividade que promove valores fundamentais como a empatía, a inclusión, a igualdade de oportunidades e o acompañamento ás familias.
O alcalde de Oroso, Álex Doval, e membros do Goberno municipal participaron tamén nesta xornada solidaria, destacando a importancia de seguir impulsando iniciativas que contribúan a construír unha sociedade máis accesible, respectuosa e comprometida coa diversidade. Neste sentido, o Concello reafirma o seu apoio ás entidades sociais que desenvolven un labor fundamental de sensibilización e apoio ás persoas e familias do municipio.
A elevada participación volveu poñer de manifesto a solidariedade e implicación da veciñanza de Oroso con este tipo de propostas sociais, nas que deporte, convivencia e compromiso camiñan da man.
Con actividades como esta, Oroso continúa avanzando na promoción dunha sociedade máis inclusiva e cohesionada, camiñando ao lado das familias e das asociacións que traballan cada día por mellorar a calidade de vida das persoas TEA e favorecer a súa plena integración social.



