A XXVIII Festa da Troita converte Sigüeiro no gran epicentro festivo e gastronómico de Galicia
O Concello de Oroso pechou esta fin de semana unha edición histórica da Festa da Troita, que volveu converter Sigüeiro nun dos grandes puntos de encontro festivos de Galicia, reunindo a milleiros de persoas arredor da gastronomía, da música, da pesca deportiva e das tradicións populares.
A XXVIII edición da Festa da Troita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, desenvolveuse entre os días 8 e 10 de maio cun intenso programa de actividades que combinou cultura, deporte, animación de rúa e grandes actuacións musicais, consolidando esta cita como un dos eventos máis destacados do calendario festivo galego.
Programación variada e para todas as idades
A programación da XXVIII Festa da Troita ofreceu durante toda a fin de semana unha ampla variedade de actividades culturais, musicais, gastronómicas e deportivas para todos os públicos. A celebración arrancou o venres cos Cantos de Taberna e unha multitudinaria verbena coa orquestra Panorama City e Disco Impacto.
O sábado celebrouse o tradicional Campionato de Pesca no río Tambre, acompañado de actividades familiares, feira de artesanía, música tradicional e a popular degustación gratuíta de troitas. Durante a xornada actuaron tamén distintos grupos tradicionais e culturais locais, como Lembranzas do Tambre, Buxos Verdes, Argalledeiros e a charanga Os Atrevidos, ademais da Banda de Música de Arzúa, que animaron as rúas de Sigüeiro durante toda a fin de semana. A xornada pechouse cunha das actuacións máis concorridas da festa, coa presenza das orquestras Olympus e Los Satélites.
O domingo estivo especialmente dedicado á mocidade co Campionato Infantil de Pesca e distintas actuacións musicais e culturais ao longo do día, incluíndo o pregón protagonizado polo almunado do IES, o concerto homenaxe a Juan Pardo e a verbena final coa orquestra Marbella.
Agradecementos e autoridades
A Festa da Troita contou ademais coa presenza de numerosas autoridades e representantes institucionais que quixeron acompañar ao Concello de Oroso nunha das citas máis importantes do municipio. Entre eles estiveron o conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, así como o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, que destacaron a relevancia da festa como escaparate gastronómico, turístico e económico para Oroso e para toda Galicia. Tamén estiveron presentes os alcaldes de Boqueixón, Trazo, Mesía, Tordoia, Cerdeda, Frades, O Pino ou Boimorto, a deputada do PP no Congreso Rosa Quintana, a eurodiputada do BNG Ana Miranda ou o diputado provincial Antonio Leira, ademais de representantes das entidades colaboradoras e do tecido asociativo local.
O alcalde de Oroso, Álex Doval, agradeceu a implicación da veciñanza, das asociacións locais, do voluntariado, dos servizos municipais, das forzas de seguridade e de todas as persoas que traballaron durante a fin de semana para facer posible o éxito da celebración. O rexedor destacou ademais o orgullo colectivo por unha festa que “volve demostrar que Oroso sabe vivir as súas festas con ilusión, responsabilidade e orgullo polo noso”, poñendo en valor o gran ambiente vivido durante toda a fin de semana e a capacidade do municipio para consolidar a Festa da Troita como unha das grandes citas festivas e gastronómicas de Galicia.
Desde o Concello de Oroso destacan o éxito dunha edición marcada pola elevada participación, o gran ambiente nas rúas e o importante impacto económico e turístico xerado durante toda a fin de semana na hostalaría e no comercio local. A XXVIII Festa da Troita reafirma así o seu papel como un dos grandes eventos festivos e gastronómicos de Galicia.
Galería de fotos




