Oroso celebra o centenario do seu veciño, Francisco de Sopazo
Francisco medrou nunha familia numerosa xunto aos seus seis irmáns, nun contexto no que o esforzo e o traballo eran parte esencial da vida diaria. Co paso dos anos formou a súa propia familia xunto á súa muller, Flora, natural de Deixebre, construíndo un fogar baseado nos valores do compromiso, o traballo e o apego á terra.
A súa traxectoria vital estivo sempre vinculada ao sector primario, traballando no campo, unha actividade que combinou durante anos coa súa etapa laboral na empresa FINSA, onde desenvolveu a súa carreira profesional ata a súa xubilación aos 67 anos.
Outro dos momentos destacados da súa vida foi o servizo militar realizado na A Coruña, unha etapa que deixou unha fonda pegada nel e que deu lugar a unha relación especial coa cidade, que continuou visitando ano tras ano.
Na actualidade, Francisco segue desfrutando da vida na súa querida casa de Sopazo, rodeado da súa familia. É pai de Marisa e Carlos, avó de tres netos e bisavó de tres bisnetos, sendo un exemplo vivo de dedicación, constancia e arraigo ás súas raíces.
Desde o Concello de Oroso queremos trasladarlle a nosa máis sincera felicitación neste día tan significativo, recoñecendo a súa traxectoria e o seu exemplo para as xeracións presentes e futuras.
Parabéns, Francisco! Un século de vida é, sen dúbida, un orgullo para todo Oroso.


