Gran éxito da XII Carreira Pedestre Concello de Oroso, integrada por primeira vez no Campionato Xunta de Galicia

XII Carreira Pedestre Concello de Oroso
XII Carreira Pedestre Concello de Oroso
XII Carreira Pedestre Concello de Oroso

O Concello de Oroso celebrou na mañá deste domingo a XII Carreira Pedestre Concello de Oroso, unha edición que volveu converter as rúas de Sigüeiro nun espazo de encontro para o deporte, a convivencia e os hábitos de vida saudables, cunha destacada participación de atletas e público.

A proba, con saída e meta na rúa Camiño Inglés, contou con percorridos de 5 e 10 quilómetros, así como coas correspondentes categorías escolares, permitindo a participación de deportistas de todas as idades e niveis. Esta carreira está organizada polo Concello en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e o Club Atletismo Tambre, consolidándose como unha das citas de referencia do calendario atlético galego.

Un dos grandes fitos desta edición foi a súa inclusión, por primeira vez, no Campionato Xunta de Galicia, nas categorías absoluto, Sub18, Sub20, Sub23 e Máster, un recoñecemento ao traballo organizativo desenvolvido ao longo dos anos e ao crecemento continuo desta proba.

A xornada desenvolveuse nun ambiente deportivo e familiar, no que se combinaron a competición de alto nivel coa participación popular, reforzando o carácter integrador e aberto da carreira. A presenza de atletas federados e de nivel autonómico elevou o nivel competitivo da proba, contribuíndo tamén á proxección deportiva do municipio.

Desde o Concello de Oroso quérese destacar e agradecer a implicación de todas as persoas e colectivos que fixeron posible o desenvolvemento do evento, entre eles a Policía Local, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oroso, o voluntariado, o Club Atletismo Tambre, o persoal do Polideportivo e o equipo técnico de Deportes, cuxo traballo foi fundamental para garantir a seguridade e o bo funcionamento da xornada.

Así mesmo, o Concello felicita a todas as persoas participantes, tanto nas probas absolutas como nas categorías base, polo seu esforzo e deportividade, contribuíndo ao éxito dunha cita que segue medrando ano tras ano.

A Carreira Pedestre de Oroso reafírmase así como unha proba consolidada e en constante evolución, que combina deporte, participación cidadá e promoción de hábitos saudables, situando ao municipio como un referente na organización de eventos deportivos en Galicia.

Desde o Concello de Oroso continuaremos impulsando iniciativas que fomenten a actividade física, a convivencia e o benestar da veciñanza.



Os resultados completos poden consultarse na web oficial de Carreiras Galegas.

Compartir: