O Concello de Oroso reforza a colaboración coa Asociación Horto Avieira
O Concello de Oroso mantivo recentemente unha reunión coa Asociación Horto Avieira, entidade que desenvolve unha destacada labor social e ambiental a través do seu horto urbano situado na urbanización de Porto Avieira.
Este proxecto comunitario ten como obxectivo fomentar hábitos de vida saudables, promover o consumo responsable e impulsar o coidado do entorno, converténdose nun exemplo de participación veciñal e sustentabilidade no municipio. Co paso do tempo, a iniciativa foi medrando tanto en número de participantes como en impacto positivo na contorna.
Desde o Concello valórase moi positivamente o traballo que está a realizar a asociación, contribuíndo a construír un Oroso máis sostible, colaborativo e comprometido co medio ambiente.
Parcelas dispoñibles
Así mesmo, infórmase de que na actualidade existen parcelas dispoñibles para aquelas persoas interesadas en formar parte deste proxecto.
As persoas que desexen obter máis información ou sumarse á iniciativa poden contactar directamente coa Asociación Horto Avieira no teléfono 609 349 482.


