O presidente da Deputación visita Oroso para coñecer a renovación do campo Lino Balado financiada polo POS

Visita do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado polo alcalde de Oroso, Alex Doval, e por membros da corporación municipal
Visita do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado polo alcalde de Oroso, Alex Doval, e por membros da corporación municipal

O Concello de Oroso recibiu hoxe a visita do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quen coñeceu de primeira man as actuacións realizadas no campo de fútbol Lino Balado, onde se levou a cabo a renovación do terreo de xogo grazas ao financiamento do Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña.

Durante a visita, na que estivo acompañado polo alcalde de Oroso, Alex Doval, e por membros da corporación municipal, púxose en valor esta intervención que supuxo unha mellora substancial dunha das principais instalacións deportivas do municipio. A actuación permitiu dotar ao campo dun terreo de xogo renovado, máis seguro e adaptado ás necesidades actuais, mellorando así as condicións para a práctica deportiva tanto para os clubs locais como para a veciñanza.

O presidente provincial destacou a importancia do Plan Único como ferramenta clave de financiamento para os concellos, permitindo executar obras prioritarias e mellorar servizos públicos sen condicionar a autonomía municipal. Neste sentido, subliñou que este modelo de cooperación institucional facilita investimentos directos que repercuten na calidade de vida da cidadanía.

Pola súa parte, o alcalde de Oroso agradeceu o apoio da Deputación da Coruña, destacando que actuacións como esta son fundamentais para seguir mellorando as infraestruturas deportivas municipais, promover o deporte base e ofrecer espazos axeitados para o lecer e a actividade física.

A renovación do campo Lino Balado enmárcase na estratexia do Concello de Oroso de modernizar e ampliar os seus equipamentos deportivos, consolidando o municipio como un referente na promoción do deporte e dos hábitos de vida saudables.

Esta actuación súmase a outras intervencións realizadas nos últimos anos ao abeiro do POS, un programa que continúa a ser esencial para o desenvolvemento local e a execución de investimentos prioritarios en Oroso.

Compartir: