Oroso acollerá un Campamento Inclusivo de Pascua para favorecer a conciliación familiar

Presentación do Campamento Inclusivo de Pascua na que estivo presente o alcalde de Oroso, Álex Doval, e a concelleira de Ensino, María Requejo.

A iniciativa está organizada pola asociación Afecto, coa colaboración da ANPA A Nosa Escola e do Concello de Oroso
Desenvolverase no CEIP Plurilingüe de Sigüeiro os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril

O CEIP Plurilingüe de Sigüeiro acollerá durante as vacacións de Semana Santa un campamento inclusivo de Pascua, unha iniciativa promovida pola asociación Afecto, coa colaboración da ANPA A Nosa Escola e do Concello de Oroso, co obxectivo de ofrecer actividades educativas e de lecer para a infancia ao tempo que se facilita a conciliación das familias.

O campamento desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e incluirá unha ampla programación de actividades pensadas para fomentar a participación, a creatividade e a convivencia entre os nenos e nenas.

Entre as propostas previstas destacan obradoiros, manualidades, busca de ovos de Pascua, pintacaras, música e xogos, nun ambiente lúdico e inclusivo pensado para que todos os participantes poidan gozar das actividades.

Ademais, ofrécense servizos complementarios para facilitar a organización familiar, como madrugadores (7:30-9:00 horas) e comedor (14:00-15:00 horas), onde cada familia encargárase de que os nenos leven a comida y alí quentarase e servirase.

As familias poderán inscribir aos menores por días soltos ou optar polo campamento completo. O prezo é de 10 euros por día ou 35 euros polo campamento completo (catro días), mentres que os servizos de madrugadores e comedor teñen un custo de 2 euros ao día cada un. As persoas socias de Afecto e da ANPA contarán cun 20% de desconto.

A inscrición realizarase en liña a través do código QR habilitado no cartel informativo, ou do seguinte enlace: https://forms.gle/6kdzjLC3cGGG7E2b8.
No caso de que non funcione, tamén se poderá solicitar información no teléfono 614 911 051 ou no correo electrónico uxia.asmarinhas@gmail.com

Dende o Concello de Oroso destacamos a importancia de apoiar este tipo de iniciativas que promoven a inclusión, o lecer educativo e a conciliación das familias durante os períodos non lectivos.

Compartir: