A XII Carreira Pedestre Concello de Oroso fará historia no Campionato Xunta de Galicia
O vindeiro domingo 29 de marzo de 2026, a partir das 10:00 horas, Oroso volverá converterse nun punto de encontro para o deporte coa celebración da XII Carreira Pedestre Concello de Oroso, unha cita xa consolidada no calendario atlético galego que cada ano reúne a centos de participantes e afeccionados.
A proba terá saída e meta na rúa Camiño Inglés, escenario habitual desta competición, e contará con percorridos de 5 quilómetros e 10 quilómetros, ademais das correspondentes categorías escolares, favorecendo así a participación de deportistas de todas as idades.
Nesta edición producirase un fito histórico para a carreira, xa que será a primeira vez que a Carreira Pedestre de Oroso forme parte do Campionato Xunta de Galicia, nas categorías Absoluto, Sub18, Sub20, Sub23 e Máster. Este recoñecemento supón un importante aval ao traballo organizativo desenvolvido durante anos e consolida a proba como unha das referencias do atletismo popular e federado en Galicia.
A inclusión no Campionato Xunta de Galicia reforza o prestixio da carreira e atraerá a Oroso a atletas de alto nivel, contribuíndo á proxección deportiva do municipio e ao impulso da práctica do deporte como ferramenta de saúde, convivencia e dinamización social.
Desde o Concello de Oroso animamos á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao atletismo a participar e a acompañar esta xornada deportiva, que combina competición, ambiente familiar e promoción dos hábitos de vida saudables.
As inscricións e toda a información detallada están dispoñibles na web do concello ou en www.carreirasgalegas.com
Oroso corre. Oroso medra. Vémonos na saída!!!


