Rematan as obras de mellora nos vestiarios do Campo de Fútbol do Peteiro
O alcalde de Oroso, Alex Doval, realizou unha visita ás obras xa finalizadas nos vestiarios do Campo de Fútbol do Peteiro, acompañado pola delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Belén do Campo, e polo concelleiro de Deportes, Carlos Fernández.
Esta actuación responde a unha demanda reiterada dos clubs deportivos e das persoas usuarias destas instalacións, e permitiu mellorar de maneira significativa as condicións de uso dos vestiarios, adaptándoos ás necesidades actuais da práctica deportiva e garantindo espazos máis cómodos, funcionais e adecuados tanto para deportistas como para equipos técnicos e arbitrais.
Os traballos realizados supoñen un avance importante na modernización das infraestruturas deportivas municipais, contribuíndo a ofrecer un servizo de maior calidade e a reforzar o apoio ao deporte base e ao deporte federado no concello.
A intervención foi posible grazas ao financiamento do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, un instrumento que permite aos concellos executar actuacións prioritarias para a mellora de servizos e equipamentos públicos, poñendo de manifesto a importancia da colaboración institucional entre a administración autonómica e o Concello de Oroso.
Desde o Concello de Oroso reafírmase o compromiso de continuar investindo na mellora das instalacións deportivas como espazos clave para promover hábitos de vida saudables, fomentar a práctica deportiva e apoiar o labor dos clubs locais, contribuíndo así ao benestar e á cohesión social da veciñanza.




