Apertura ao tráfico do acceso á Praza Isaac Díaz Pardo pola rúa Xuncal

Acceso á Praza Isaac Díaz Pardo pola rúa Xuncal

O Concello de Oroso informa que, a partir deste martes 27 de xaneiro, ás 9:00 horas quedará aberto ao paso rodado o acceso á Praza Isaac Díaz Pardo a través da rúa Xuncal, unha vez realizada a recepción parcial das obras executadas neste ámbito.

Con esta reapertura a rúa Xuncal recupera o seu funcionamento habitual, volvendo ao sentido único de circulación cara á praza, polo que se solicita á veciñanza e ás persoas condutoras que presten atención á nova sinalización e circulen con precaución nos primeiros días.

A apertura deste acceso supón un avance significativo na recuperación da normalidade da praza, que xa pode ser utilizada e desfrutada pola cidadanía tanto para o tránsito como para o uso do espazo público tras os traballos realizados nos últimos meses.

Na actualidade queda unicamente pendente a instalación dalgúns elementos de mobiliario urbano, actuacións menores que se completarán proximamente sen afectar ao uso xeral da praza nin á circulación.

Desde o Concello de Oroso queremos agradecer a comprensión da veciñanza polas molestias ocasionadas durante o período de obras e reafirmamos o noso compromiso coa mellora dos espazos públicos e da mobilidade urbana, traballando para ofrecer un entorno máis accesible funcional e agradable para todas as persoas.

Compartir: