Entregados os Premios Socios de Honra da Biblioteca Municipal de Oroso
A Biblioteca Municipal de Oroso celebrou onte o acto de entrega dos Premios Socios de Honra, unha iniciativa coa que se recoñece publicamente ás persoas usuarias que ao longo do ano destacaron pola súa constancia, participación e compromiso coa lectura e co uso habitual deste servizo municipal.
O evento serviu para poñer en valor o papel da biblioteca como espazo de encontro, aprendizaxe e promoción cultural, así como a importancia da lectura como ferramenta fundamental para o desenvolvemento persoal e social en todas as idades.
As persoas premiadas recibiron un diploma acreditativo e un vale para gastar nas librarías locais, unha medida coa que o Concello de Oroso quere reforzar o apoio ao comercio de proximidade ao tempo que fomenta o acceso á cultura e aos libros.
Desde o Concello de Oroso destacamos que estes premios son tamén unha maneira de agradecer a fidelidade das persoas usuarias, que contribúen co seu exemplo a crear hábitos lectores e a manter viva a actividade da biblioteca municipal durante todo o ano.
A biblioteca continúa a desenvolver accións orientadas á animación á lectura á dinamización cultural e ao fomento do uso dos servizos públicos culturais por parte da veciñanza.
Dende o Concello de Oroso felicitamos ás persoas recoñecidas e agradecémoslles que fagan da lectura unha parte esencial do seu día a día contribuíndo así a construír unha comunidade máis crítica participativa e cultural.
Galería de fotos




