Oroso viveu unha Cabalgata de Reis chea de ilusión, maxia e tradición

Melchor, Gaspar e Baltasar saudando as nenas e nenos de Oroso

A tarde do 5 de xaneiro, a pesar da chuvia, Sigüeiro enchouse de ilusión coa celebración da tradicional Cabalgata de Reis, unha xornada especial chea de emoción para a cativada e para as familias do noso concello.

Este ano, os Reis Magos chegaron ao Concello de Oroso moi cedo, percorrendo as distintas parroquias para recoller os encargos e desexos dos máis pequenos antes da gran cabalgata. O seu percorrido comezou ás 09:30 horas en Marzoa (no Local Social) e continuou pola mañá por A Grabanxa, Calvente e Pasarelos, Senra, Cardama, A Gándara, San Tomé, Oroso, Deixebre, Trasmonte e A Estación de Oroso, visitando a cada neno e nena e compartindo ilusións e agasallos antes da gran festa da tarde.

Xa pola tarde, a Gran Cabalgata de Reis saiu ás 18:00 horas en Sigüeiro, cun percorrido que atravesou as rúas principais da localidade, dando comezo na Rúa do Portiño e continuando pola Avenida da Grabanxa, Rúa Pablo Iglesias e Rúa Camiño Inglés, entre outros puntos. Por motivos meteorolóxicos, o desfile rematou no Pavillón Polideportivo, onde continuaron as actividades de recepción cos Reis Magos.

A presenza de Melchor, Gaspar e Baltasar nas rúas de Sigüeiro e nas parroquias fixo que a tarde fose especialmente emotiva, chea de sorrisos, participación veciñal e a tradicional maxia dos Reis, que volven traer alegría e regalos aos fogares de Oroso e fan desta festa un dos momentos máis entrañables do calendario festivo. Foi tamén un día de encontro familiar, convivencia e diversión no que non faltaron saúdos, fotos, música e ilusión para todos.

Desde o Concello de Oroso queremos dar as nosas grazas máis sinceras a todas as persoas que participaron, acompañaron e fixeron posible esta celebración, así como ás familias que enchérono de vida e entusiasmo. O noso agradecemento tamén vai para os equipos organizadores e servizos municipais que traballaron para garantir unha Cabalgata segura e memorable para toda a veciñanza.

Reportaxe fotográfico



Compartir: