Aberta ao tránsito peonil a Praza Isaac Díaz Pardo

Praza Isaac Díaz Pardo
Praza Isaac Díaz Pardo
Praza Isaac Díaz Pardo

A Praza Isaac Díaz Pardo xa se atopa aberta ao tránsito peonil, permitindo á veciñanza comezar a desfrutar deste espazo renovado como lugar de encontro, convivencia e actividade social durante estas datas de Nadal.

A actuación realizada supón unha mellora destacada dun dos espazos centrais de Sigüeiro, configurado agora como unha praza máis accesible, funcional e pensada para o uso diario da cidadanía.

Esta apertura prodúcese xusto un ano despois da sinatura do convenio coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, María Martínez Allegue, que fixo posible esta actuación cun investimento global de preto de 700.000 euros. Un prazo que reflicte a vontade de cumprir os compromisos adquiridos e de transformar os acordos institucionais en realidades visibles para a veciñanza de Oroso.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, sinalou que “esta praza recupera o seu papel como espazo central de convivencia, pensado para as persoas e para a vida diaria do municipio”, engadindo que “é unha actuación que mellora a calidade urbana e reforza o corazón de Sigüeiro”.

A apertura ao tráfico rodado levarase a cabo á volta das vacacións de Nadal, unha vez finalizada a instalación do mobiliario urbano pendente, entre o que se inclúen bancos, mesas e maceteiros. Neste sentido, o alcalde explicou que “preferimos abrir agora o uso peonil para que a veciñanza poida gozar da praza durante o Nadal, e completar os últimos remates con todas as garantías nas vindeiras semanas”.

Así mesmo, o Concello informa de que mañá se celebrará na Praza Isaac Díaz Pardo a visita de Papá Noel, unha actividade dirixida especialmente á cativada e ás familias, coa que se busca dinamizar este novo espazo durante as festas. Dende o Concello de Oroso deséxanse unhas Boas Festas a toda a veciñanza, animando a utilizar e coidar esta praza como novo punto de encontro e convivencia no centro do municipio.

Compartir: