Éxito deportivo para Oroso no Mundial de Mushing ICF

Valeria Batire Guridi, actual campioa de España de Canicross e Subcampioa do Mundo de Canicross, acompañada de Azkar.
Valeria Batire Guridi, actual campioa de España de Canicross e Subcampioa do Mundo de Canicross, acompañada de Azkar.

O Concello de Oroso celebra o extraordinario logro da nosa veciña Valeria Batire Guridi, actual campioa de España de Canicross na categoría sénior e integrante do Equipo Nacional de Mushing, quen vén de proclamarse Subcampioa do Mundo de Canicross no Campionato da International Canicross Federation (ICF), desenvolvido recentemente na localidade de Pardubice, na República Checa. Este resultado sitúa a deportista entre a elite internacional dunha disciplina en pleno auxe e de grande esixencia física e técnica.

Valeria participou acompañada de Azkar, o seu compañeiro canino de raza greyster, co que forma un equipo consolidado e cunha ampla traxectoria de éxitos tanto en probas nacionais como en competicións internacionais. A perfecta compenetración entre deportista e can, unida a unha preparación rigorosa e continua, foi clave para destacar nun circuíto habilitado no prestixioso hipódromo de Pardubice, escenario que reuniu ás mellores especialistas do mundo e que esixiu un rendemento excepcional en cada tramo do percorrido.

O resultado acadado supón un fito histórico para a deportista e para o noso concello, que ve representado o seu nome cunha actuación brillante nun dos eventos máis importantes do panorama mundial do mushing. Ademais, este éxito suma un novo recoñecemento á traxectoria de Valeria, que continúa consolidándose como unha das mellores competidoras españolas e unha referencia no ámbito do Canicross internacional.

Desde o Concello de Oroso queremos trasladar os nosos parabéns máis sinceros a Valeria e a Azkar, non só polo magnífico resultado, senón tamén polo exemplo de esforzo, superación, talento e compromiso que representan para toda a nosa veciñanza. A súa dedicación é un orgullo para o municipio e un estímulo para seguir apoiando o deporte en todas as súas disciplinas.

Compartir: