Comezan as obras de renovación do tellado na Escola Unitaria de Vilacide
Un investimento que mellora a seguridade e o confort do centro.
Financiamento a través da Direccion Xeral de Administración Local.
Completa así varias melloras nas escolas unitarias do concello.
O Concello de Oroso informa do inicio das obras de renovación do tellado da Escola Unitaria de Vilacide, unha actuación esencial para garantir o bo estado do edificio e ofrecer un espazo educativo máis seguro, eficiente e confortable para o alumnado.
O proxecto, que conta cun investimento próximo aos 43.000 euros, está financiado a
través da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia mediante o
Fondo de Compensación Medioambiental. A obra permitirá mellorar o illamento, previr
filtracións e actualizar a estrutura do centro, asegurando o seu mantemento a longo
prazo.
Esta intervención súmase a outras actuacións realizadas polo Concello nos últimos
meses, como a reparación do tellado da Escola Unitaria de Senra e a rehabilitación
integral da sede do CRA en Vilarromarís, consolidando un plan continuo de mellora
das infraestruturas educativas municipais.
O alcalde de Oroso, Álex Doval, destacou que “investir nas escolas unitarias é investir no futuro das nosas familias. Son centros fundamentais para a conciliación e para a vida do noso rural, e deben estar en perfecto estado. Seguiremos traballando para manter, actualizar e dignificar todos os espazos educativos do concello”.
Con estas actuacións, Oroso continúa avanzando nun modelo de servizo público
sólido, responsable e orientado ás necesidades reais das familias e do alumnado.




