Oroso inicia a mellora do carril auxiliar na Avenida de Compostela

O concelleiro de Mobilidade, Carlos Mosquera, na visita do inicio das obras co responsable do Ministerio

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible iniciará nos vindeiros días as obras de adecuación e mellora do carril auxiliar da Avenida de Compostela, concretamente na zona situada fronte á entidade bancaria ABANCA.

Esta actuación responde á solicitude realizada polo alcalde de Oroso, Álex Doval, ao Delegado do Goberno en Galicia durante unha reunión mantida nos últimos meses, na que se trasladou a necesidade de mellorar a seguridade viaria e a funcionalidade deste tramo, moi transitado tanto por vehículos como por peóns.

O proxecto ten como obxectivo optimizar o estado do carril auxiliar, corrixindo deficiencias no firme e adaptando o espazo ás condicións actuais de tráfico e uso. Con estas melloras, preténdese incrementar a seguridade dos condutores, facilitar as manobras de entrada e saída aos establecementos próximos e mellorar a imaxe urbana desta importante vía de comunicación.

O alcalde, Álex Doval, destacou que “esta intervención é froito do diálogo e da colaboración institucional entre o Concello de Oroso e o Ministerio de Transportes, e supón un paso máis na mellora continua das infraestruturas viarias do noso municipio”.

Plano obras Avenida de Compostela

Compartir: