O Concello de Oroso recibe á deputada provincial Rosa Ana García para impulsar o comercio local da vila

Visita da deputada provincial Rosa Ana García xunto ó alcalde, Álex Doval, a varios comercios locais adheridos á campaña MercaNaVila
Visita da deputada provincial Rosa Ana García xunto ó alcalde, Álex Doval, a varios comercios locais adheridos á campaña MercaNaVila
Visita da deputada provincial Rosa Ana García xunto ó alcalde, Álex Doval, a varios comercios locais adheridos á campaña MercaNaVila

O Concello de Oroso recibiu hoxe a visita da deputada provincial Rosa Ana García, quen acompañou ao alcalde Álex Doval nun percorrido por varios comercios locais adheridos á campaña MercaNaVila, promovida pola Deputación da Coruña para impulsar o comercio de proximidade e dinamizar a economía local. Durante a visita, ambos representantes destacaron a importancia deste tipo de iniciativas, que poñen en valor o papel do pequeno comercio como motor económico e social das vilas.

A campaña MercaNaVila, cun investimento global de seis millóns de euros por parte da Deputación, está dirixida aos concellos de menos de vinte mil habitantes e pretende mobilizar ata vinte e cinco millóns de euros en vendas nos establecementos participantes. Deste modo, contribúe a fortalecer o tecido empresarial local, apoiar aos autónomos e favorecer que a veciñanza compre nos comercios da súa contorna, xerando actividade e emprego no territorio.

Esta iniciativa provincial coincide coa posta en marcha da nova edición dos Bonos Activa Comercio, impulsada pola Xunta de Galicia, que comeza mañá e tamén busca incentivar o consumo nos establecementos de proximidade. A través deste programa, a cidadanía poderá descargar bonos‐desconto por valor de ata trinta euros para empregar en comercios galegos adheridos, o que suporá un importante estímulo para o consumo e para a recuperación do pequeno comercio. Os bonos poden descargarse na web bonosactivacomercio.gal

O alcalde Álex Doval agradeceu á deputada provincial a súa visita e destacou a boa colaboración entre administracións para apoiar o comercio de Oroso, un sector clave para a vida económica e social da vila. “O pequeno comercio é moito máis ca unha actividade económica: é un espazo de encontro, de servizo e de identidade local. Por iso, dende o Concello seguiremos impulsando medidas e campañas que axuden a reforzalo”, subliñou o rexedor.

Pola súa banda, a deputada Rosa Ana García destacou que MercaNaVila é unha aposta decidida da Deputación pola dinamización económica das vilas e pola revitalización do comercio tradicional, lembrando que este tipo de iniciativas “axudan a manter vivos os centros urbanos e a crear emprego estable e de proximidade”.

O Concello de Oroso quere agradecer a implicación das distintas administracións públicas e, sobre todo, o compromiso dos comerciantes locais, que cada día contribúen a dar vida á nosa vila e a facer de Oroso un lugar con actividade, servizos e identidade propia. O Goberno local anima a todos os establecementos que aínda non o fixeron a sumarse a estas campañas e seguir apostando polo consumo responsable e de proximidade.

Compartir: