Oroso participa na Feira dos Santos, do Mel e da Castanha en Góis
O Alcalde de Oroso, Álex Doval, xunto coa Concelleira de Cultura, María Requejo, participaron estes días na tradicional Feira dos Santos, do Mel e da Castanha que se celebrou en Góis o 1 (e, excepcionalmente este ano, tamén o 2) de novembro. A feira —organizada pola Câmara Municipal de Góis e celebrada no Pavilhão Gimnodesportivo e a súa área envolvente— volve poñer en valor os produtos endóxenos, a artesanía e as tradicións outonais da rexión.
O certame este ano alcanzou unha dimensión notable: reuniu arredor de 90 feirantes, cifra récord que levou o municipio a prolongar a feira durante dous días para dar cabida á elevada demanda de expositores. Ao longo da xornada programáronse actividades tradicionais (torresmada e magusto), tasquinhas, música, actuacións folclóricas e animación infantil.
A presenza da representación municipal de Oroso forma parte do programa de colaboración e intercambio cultural que ambas localidades veñen desenvolvendo dende que oficializaron o seu irmandamento. Nos últimos anos Oroso e Góis realizaron intercambios artísticos e culturais —entre eles o proxecto GóisOrosoArte— e mantiveron reunións para promover intercambios xuvenís, turísticos e económicos. A visita a Feira dos Santos serve para consolidar esas liñas de cooperación e abrir novas vías de colaboración entre concellos.
O presidente da Câmara Municipal de Góis, Rui Sampaio, recordou que a Feira dos Santos é unha tradición con varias décadas de historia (oficialmente celebrada dende 1957) e destacou a importancia de mudar o espazo para mellorar as condicións dos expositores e dos visitantes. Pola súa banda, desde o Concello de Oroso subliñaron que estas participacións buscan facer o irmandamento “cada vez máis útil e vivo”, promovendo intercambios culturais, sociais e económicos entre ambos pobos.




