Oroso activa a campaña “Merca na Vila” con bonos desconto de ata 100 euros para impulsar o comercio local
O Concello de Oroso súmase dende hoxe á campaña provincial “Merca na Vila”, unha iniciativa da Deputación da Coruña que permite ás veciñas e veciños beneficiarse de ata 100 euros en descontos directos nas súas compras no comercio local, co obxectivo de dinamizar a economía da vila e apoiar aos pequenos establecementos.
A campaña funciona a través dunha aplicación móbil ou da web www.mercanavila.gal
, onde cada persoa pode descargar de forma sinxela os seus bonos, que se aplican automaticamente nas compras realizadas nos establecementos adheridos. Estes comercios estarán identificados co distintivo da campaña, para facilitar a súa localización por parte da clientela.
Os descontos vanse aplicando de maneira progresiva segundo o importe de cada compra: 5 euros en compras a partir de 20 €, 10 euros en compras superiores a 30 €, e 15 euros cando o gasto alcanza ou supera os 50 €, ata un máximo acumulado de 100 € por persoa. O crédito dispoñible manterase vixente ata o 20 de novembro de 2025 ou ata que se esgoten os fondos asignados.
A Deputación da Coruña destina a este programa máis de 6 millóns de euros co propósito de reforzar o comercio de proximidade nos municipios de menos de 20.000 habitantes, estimulando o consumo local e contribuíndo á creación de riqueza e emprego no territorio. A institución provincial calcula que a iniciativa podería mobilizar arredor de 25 millóns de euros en vendas en toda a provincia, un impacto que se notará tamén en concellos como Oroso.
As persoas interesadas poden descargar xa os seus bonos en www.mercanavila.gal
ou na aplicación móbil, onde tamén atoparán o listado completo de comercios adheridos en Oroso e no resto da provincia.


