A Xunta autoriza unha nova parada de autobús no Empalme de Trasmonte

Nova parada de autobús no Empalme de Trasmonte

O Concello de Oroso informa da aprobación por parte da Xunta de Galicia para a creación dunha nova parada de autobús no lugar de Empalme de Trasmonte (parroquia de Trasmonte), que mellora a accesibilidade ao transporte público da veciñanza desta zona e fortalece as conexións interurbanas entre Santiago de Compostela, Ordes e A Coruña.

Segundo o comunicado da Xunta, «a parada integrarase na liña A Coruña - Ordes - Santiago, operando en ambos os sentidos, e a súa entrada en servizo está prevista para o luns 20 de outubro de 2025».
A nova ubicación responde a unha demanda reiterada da veciñanza do Concello de Oroso, na que interviu o alcalde de Oroso, Álex Doval, a través da petición realizada á Xunta de Galicia, para mellorar o servizo de transporte público da súa veciñanza. A Xunta destacou que «a implantación desta parada non supón un incremento do custo da concesión de transporte» e enmárcase no Plan de Transporte Público de Galicia, co fin de adaptar a rede ás necesidades reais da cidadanía.

Desde o Concello de Oroso precísase que a nova parada supón un avance significativo para os habitantes de Trasmonte e parroquias limítrofes, ao acurtar os desprazamentos até paradas máis afastadas e facilitar o acceso ao transporte público nas rutas entre A Coruña e Santiago. A medida complementa as actuacións previstas pola administración local para promover unha mobilidade máis sostible, cómoda e accesible.

Máis información sobre ubicación e horarios en bus.gal

Compartir: