O Concello de Oroso remata as obras de mellora da rede viaria en Berdomás e Vilanova
O Concello de Oroso vén de concluir as obras de mellora da rede viaria nos lugares de Berdomás (A Gándara) e Vilanova (Oroso), incluídas no proxecto municipal de mantemento de camiños rurais. A intervención responde ás necesidades detectadas pola veciñanza e forma parte do compromiso continuo do Goberno local de investir nas infraestruturas das parroquias do municipio.
O orzamento global asignado a estas melloras viarias ascendeu a preto de 20.000 euros dentro do Plan de Camiños.
No que respecta á magnitude da intervención, as actuacións en Berdomás supuxeron a mellora de aproximadamente 330 metros de vía, e en Vilanova preto de 500 metros. Estas melloras centráronse no reforzo do firme, corrección de pequenas deformacións, acondicionamento de drenaxes e limpeza de beiravías, co fin de garantir a seguridade viaria e unha mellor conectividade para os residentes.
O alcalde de Oroso, Álex Doval, destacou que “estas intervencións non só melloran a mobilidade das persoas que viven nestas parroquias, senón que tamén supoñen un investimento en calidade de vida, prevención de danos nas vías, e menor custo de mantemento a medio prazo”. Manifestou, ademais, que o Concello seguirá presentando proxectos para mellorar os accesiños rurais con orzamentos axeitados e participación de outras administracións cando sexa posible.




