Oroso acomete unha mellora viaria en Berdomás coa construción dunha nova ponte sobre o río Carboeiro

O alcalde de Oroso, Alex Doval, e o concelleiro de Medio Rural, Carlos Mosquera, durante a visita ás obras da nova ponte sobre o río Carboeiro en Berdomás

O Concello de Oroso vén de poñer en marcha unha actuación clave na parroquia da Gándara, concretamente en Berdomás, coa construción dunha nova ponte sobre o río Carboeiro. O investimento, próximo aos 80.000 euros, ten como obxectivo reforzar a seguridade viaria e mellorar as comunicacións da veciñanza no ámbito rural.

A nova infraestrutura substituirá o paso actual, que presentaba limitacións tanto en seguridade como en accesibilidade. Coa súa execución búscase garantir a mobilidade en condicións óptimas para vehículos, peóns e servizos públicos, mesmo en situacións de choiva intensa ou crecidas do río.

Segundo o alcalde de Oroso, “esta ponte responde a unha demanda da veciñanza de Berdomás e da parroquia da Gándara, ao tempo que reforza o compromiso do Concello coa mellora das comunicacións no rural”.

Esta intervención forma parte dun plan máis amplo de mellora de infraestruturas viarias e servizos básicos, co apoio de fondos do Plan Único da Deputación da Coruña e de convenios coas administracións autonómica e provincial. O Concello de Oroso leva meses acometendo actuacións semellantes noutras parroquias, co obxectivo de modernizar o viario e favorecer o desenvolvemento rural.

Compartir: