O Concello de Oroso mellora os camiños de Piñeirón, na parroquia da Gándara, coa recente actuación de asfaltado
O Concello de Oroso vén de levar a cabo unha nova intervención no marco do seu compromiso coa mellora das infraestruturas viarias nas zonas rurais do municipio. Nesta ocasión, os traballos centráronse na localidade de Piñeirón, pertencente á parroquia da Gándara, onde se realizaron importantes obras de asfaltado e acondicionamento dos camiños, co obxectivo de mellorar a seguridade e o confort da veciñanza nas seus desprazamentos cotiáns.
Con esta actuación, os camiños da zona presentan agora un firme máis regular e en mellores condicións, o que supón unha notable mellora tanto para o tránsito de vehículos como para a mobilidade peonil. Ademais, estes traballos contribúen a preservar o patrimonio rural, facilitando a comunicación entre núcleos e garantindo un acceso máis adecuado ás vivendas, explotacións e leiras da contorna.
Desde o Concello lembran que este tipo de intervencións forman parte dun plan continuo de renovación e mantemento da rede viaria rural, co que se pretende dar resposta ás demandas dos distintos núcleos de poboación e garantir unhas condicións de vida dignas e seguras para toda a cidadanía, tamén nas parroquias máis afastadas do centro urbano.
"Aínda queda moito por facer, pero cada paso conta", sinalan dende o goberno municipal. O Concello de Oroso reitera así o seu compromiso co desenvolvemento equilibrado do territorio, apostando por un rural activo, accesible e ben comunicado.



