O Local Social da Gándara pasará a chamarse "Local Social Doña Charo" en homenaxe á histórica mestra da parroquia

Foto na escola da Gándara coa mestra Doña Charo
Rosario López Díaz

O Goberno Local propón este recoñecemento, recollendo a vontade unánime da veciñanza e da Asociación "Pena-Teixa"

O Goberno Local do Concello de Oroso leva o xoves a pleno a proposta de nomear o actual local social da Gándara como “Local Social Doña Charo”, en recoñecemento á mestra Rosario López Díaz (Charo), unha figura profundamente querida e respectada na parroquia e en todo o municipio.

Esta iniciativa nace como resposta á solicitude da Asociación de Veciños "Pena-Teixa", que manifestou a vontade unánime da veciñanza de render unha homenaxe simbólica a quen dedicou a súa vida ao ensino e ao compromiso coa comunidade. Durante máis de 28 anos, Doña Charo impartiu clases na escola unitaria da Gándara, local que hoxe alberga o centro social da parroquia, e que tamén foi o seu fogar familiar durante moitos anos.

“É un xesto de xustiza e gratitud coa memoria dunha muller que entregou a súa vida a formar xeracións de veciños e veciñas. A súa pegada segue viva en moitas familias do noso concello”, destacou a Concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Lidia López, quen subliñou que o Goberno Local traballa sempre da man da veciñanza para recoñecer o patrimonio humano e emocional das nosas parroquias.

A proposta inclúe tamén a colocación dunha placa conmemorativa no exterior do local e a celebración dun acto público de homenaxe, pendente de fixar data, no que participarán familiares de Doña Charo, representantes veciñais e membros da Corporación Municipal.

Desde o Concello de Oroso queremos agradecer á Asociación “Pena-Teixa” a súa iniciativa e colaboración.

Compartir: