A REMODELACIÓN DA GRABANXA, MÁIS CERCA: O CONCELLO APROBA O CONVENIO E ESPERA QUE A DEPUTACIÓN LICITE CANTO ANTES
O Concello de Oroso aprobou onte, en pleno
extraordinario e por unanimidade de todos os grupos da Corporación, o convenio de
colaboración coa Deputación da Coruña para acometer a esperada remodelación
integral da Avenida da Grabanxa.
Este acordo supón un paso definitivo para a execución dun proxecto xa aprobado e
que contará con financiamento da institución provincial. A licitación da obra por parte
da Deputación é agora o seguinte paso, e desde o goberno local trasladamos a nosa
confianza en que se tramite coa maior urxencia posible, dada a relevancia desta
actuación para a veciñanza.
Trátase dunha intervención necesaria que permitirá modernizar unha das arterias
principais do municipio, mellorar a seguridade viaria e favorecer a accesibilidade, así
como a integración paisaxística da vía, transformando de maneira significativa a
entrada ao núcleo urbano.
Desta maneira, a colaboración tanto de Augas de Galicia —dependente da Xunta de
Galicia— como da Deputación da Coruña fai posible que o Concello de Oroso poida
afrontar esta actuación sen comprometer os recursos propios, exemplo de boa xestión
e responsabilidade coas contas públicas.
O proxecto supón un investimento total próximo aos 900.000 euros, dos cales 280.000
euros serán asumidos por Augas de Galicia, correspondentes ás actuacións de
saneamento e abastecemento que, en principio, tería que asumir o propio Concello.
Deste xeito, a achega da administración local queda a custo cero, mentres que o resto
do financiamento correrá a cargo da Deputación da Coruña, a través do convenio
aprobado onte.


