O roupeiro municipal de Oroso xa está listo no seu novo emprazamento

O roupeiro municipal de Oroso nas novas dependencias do Cachopal.

O Concello de Oroso informa á cidadanía que o Roupeiro Municipal xa está completamente reorganizado, ordenado e preparado para servir ás persoas que máis o necesiten. Este servizo social foi recentemente trasladado a un novo espazo máis axeitado, situado nun local na zona do Cachopal, e volve funcionar con normalidade para atender ás familias e persoas en situación de vulnerabilidade social e económica.

Desde o goberno municipal subliñan que a recuperación e reorganización do Roupeiro Municipal supón "un paso fundamental na mellora dos servizos sociais en Oroso, garantindo que ningunha persoa do concello quede sen abrigo este inverno". O Concello agradece de antemán a solidariedade de toda a veciñanza e apela á colaboración cidadá para garantir o éxito deste servizo solidario.

Chamada á solidariedade veciñal

Neste momento, o Concello solicita a colaboración da veciñanza para a doazón de roupa de inverno en bo estado, especialmente destinada a cubrir as necesidades urxentes de dous mozos de 14 e 17 anos que se atopan nunha situación especialmente vulnerable.

Como realizar as doazóns

Para facer as doazóns, as persoas interesadas deben poñerse en contacto previamente co Concello de Oroso, onde se lles indicará o proceso e horario para entregar as pezas.

Localización do novo roupeiro municipal

Local situado no Cachopal, Oroso.

Compartir: