O alcalde de Oroso mantén un encontro produtivo co delegado do Goberno en Galicia para tratar proxectos clave para Oroso

O Alcalde e Oroso, Alex Doval, durante o encontro co Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco

Instalación de iluminación nos pasos de peóns para mellorar a seguridade
Propostas para a construción de beirarrúas e mellora das infraestruturas
Reformas e cesións de espazos para favorecer o desenvolvemento do municipio

O Alcalde de Oroso, Alex Doval, mantivo hoxe un encontro cordial e produtivo co Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, no que se trataron varios proxectos e necesidades fundamentais para mellorar a seguridade, a conectividade e o desenvolvemento do municipio.
Durante a reunión, trasladáronse unha serie de peticións para que o Goberno de España as teña en conta na súa planificación.



A primeira proposta tratada foi a instalación de iluminación adicional nos pasos de peóns máis frecuentados en Sigüeiro. Esta medida busca mellorar a visibilidade e garantir a seguridade dos peóns, especialmente nas horas de baixa luminosidade, reducindo os riscos para as persoas que circulan a pé.

Tamén se destacou a importancia de construír unha beirarrúa na N-550 desde Deixebre ata o local social da parroquia. A falta desta infraestrutura actual deixa aos peóns en situacións de risco, polo que se fai imprescindible para garantir a súa seguridade.

Ademais, tratouse a cesión da parcela onde se atopaba a radio baliza de AENA en Sigüeiro. A cesión deste espazo permitiría destinalo a un uso social ou comunitario, favorecendo o desenvolvemento urbano e mellorando os espazos públicos do municipio.

Outro dos puntos clave foi a mellora estética e de integración paisaxística da rotonda na N-550 á saída da AP-9. A súa reforma permitirá mellorar a imaxe de entrada ao municipio, ao tempo que se integrará mellor co entorno natural, respectando a paisaxe e mellorando a funcionalidade da rotonda. Igualmente, o Alcalde solicitou a mellora do aglomerado da estrada N-550 ao seu paso polo municipio, o que garantirá unha circulación máis segura e eficiente, especialmente nos tramos de maior afluencia de vehículos.

Finalmente, tamén se solicitou a reposición dos pivotes verdes na entrada da rotonda e ao longo da Avenida da Grabanxa (N-550), onde algúns están caídos ou directamente non existen. Estes pivotes son fundamentais para marcar a delimitación das vías e mellorar a seguridade viaria.

O Alcalde de Oroso destacou a boa disposición do Delegado do Goberno en Galicia para atender estas solicitudes e amosou a súa disposición a seguir traballando de maneira conxunta coas institucións para levar a cabo as melloras necesarias para o benestar da veciñanza de Oroso.

Compartir: