Inician as obras de humanización e mellora do tramo leste da Rúa do Campo en Sigüeiro

Obras de humanización e mellora do tramo leste da Rúa do Campo en Sigüeiro

Aumentarase a superficie peonil para mellorar a accesibilidade
O proxecto ten un orzamento total de 93.000 euros
Priorizarase o tránsito dos peóns fronte ao tráfico rodado

O Concello de Oroso anuncia o inicio das obras correspondentes ao proxecto de humanización e mellora do tramo leste da Rúa do Campo en Sigüeiro, cun orzamento total de 93.000 euros. Esta actuación ten como principal obxectivo promover a seguridade e accesibilidade dos peóns, favorecendo unha mobilidade máis sustentable.

Entre os cambios máis significativos, a Rúa do Campo pasará a ter sentido único de subida cara á Rúa do Deporte, o que permitirá un maior espazo para os viandantes e incrementará a seguridade viaria. Tamén se renovarán as infraestruturas básicas, incluíndo a substitución das canalizacións de augas pluviais, de subministración de auga potable e de saneamento, mellorando así o servizo para a veciñanza.

A reforma manterá as mesmas prazas de aparcamento que existen na actualidade, compatibilizando a creación dun espazo máis humano coa preservación das facilidades de estacionamento para residentes e visitantes. Ademais, a mellora contempla a renovación da iluminación pública, que pasará a utilizar luces LED para reducir o consumo enerxético e garantir unha iluminación máis eficiente e segura para todos. Os pasos de peóns tamén serán renovados cun novo pintado que facilitará a visibilidade e a seguridade dos mesmos.

Compartir: