Oroso recupera becas a deportistas individuais
O novo goberno local abre unha línea de axudas a deportistas individuais por un total de 14000 euros tras dous anos de parón
Oroso abre dende o día 23 unha liña de axudas destinada á promoción do deporte tras dous anos de parón. Consciente da dificultade que teñen moitos deportistas individuais para levar a cabo os seus adestramentos e proxectarse na competición polo elevado custe que supoñen os desprazamentos, licencias ou equipacións, o goberno local considera necesario aprobar estas axudas a deportistas individuais con carácter de beca.
Estas becas convócanse para apoiar a deportistas individuais orosinos como medio de fomentar o deporte en Oroso e, desta forma, conseguir logros deportivos para a vila.
Os beneficiarios das becas poderán ser deportistas de nacionalidade española que se atopen federados exclusivamente en deportes individuais. Os deportistas eleccionables teñen que ter máis de 10 anos de idade.
“Estas becas a deportistas individuais reflexan o compromiso inequívoco do concello tanto co fomento do deporte como co alivio dos gastos dos deportistas individuais e seguiremos avanzando nesta dirección”, afirmou o concelleiro de Deportes, Carlos Fernández.
No seguinte enlace podes descargar e coñecer as Bases reguladoras da concesión de becas para deportistas individuais do Concello de Oroso en réxime de concorrencia non competitiva. (BOP N.159).