O espectáculo 'Aquí Tou' estrea o xoves o novo auditorio do Centro Cultural cun cheo absoluto

Luis Rey, Beatriz Rodeiro e Antonio Leira durante unha visita ao novo auditorio

A recadación pola venda das entradas entregarase integramente á Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame)

O espectáculo de comedia en directo “Aquí Tou”, protagonizado polo cómico e actor Xosé A. Touriñán, estreará este xoves ás 20.30 horas o novo auditorio do Centro Cultural de Sigüeiro cun cheo absoluto, ao completarse o aforo de 165 butacas.

O alcalde, Luis Rey, que supervisou esta mañá os últimos retoques no interior do auditorio acompañado polos concelleiros Antonio Leira e Beatriz Rodeiro, anunciou que a totalidade da recadación pola venda das entradas entregarase integramente á Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame).

“A falta dalgúns remates no exterior que non quixemos apurar debido ao mal tempo das últimas semanas, decidimos abrir igualmente o auditorio porque o interior xa está finalizado ao cento por cento e dános moito xogo para comezar a programar actividades e espectáculos de primeira magnitude como este monólogo de Touriñán”, salientou o alcalde.

Compartir: