Localización: EducaOroso
Extraordinarias
A Aula CeMIT do Concello de Oroso, en colaboración co programa Extraordinarias da Fundación Cibervoluntarios, organiza o taller gratuíto «Extraordinarias: Dixitaliza a túa idea ou negocio», unha formación presencial dirixida especificamente a mulleres interesadas no emprendemento, emprendedoras e autónomas que desexen mellorar as súas competencias dixitais e impulsar os seus proxectos a través de Internet.
A actividade está pensada tanto para mulleres que teñen unha idea de negocio e queren dar os primeiros pasos como para aquelas que xa contan cunha pequena empresa ou actividade profesional e buscan mellorar a súa presenza na rede, chegar a máis clientes e aproveitar as oportunidades que ofrecen as ferramentas dixitais.
Baixo o lema «Aprende as ferramentas clave para que o teu proxecto medre desde o local ata o global», o obradoiro ofrecerá coñecementos prácticos para avanzar na dixitalización dos negocios e mellorar a súa visibilidade en Internet.
Que imos aprender neste nivel básico?
- Transformación dixital: descubrir por que é importante incorporar as ferramentas dixitais á actividade empresarial e dar o salto ao mundo en liña.
- Presenza na rede: aprender a crear perfís profesionais para dar visibilidade ao negocio en Google e Facebook.
- Atención e visibilidade: coñecer as posibilidades de WhatsApp Business para mellorar a comunicación e o contacto coa clientela.
- Seguridade dixital: adquirir nocións básicas para protexer os contrasinais e utilizar as ferramentas en liña con maior seguridade.
Obxectivo: impulsar os negocios a través da dixitalización
O obradoiro busca facilitar ás participantes ferramentas útiles para mellorar a presenza dixital dos seus proxectos, reforzar a comunicación coa clientela e aproveitar as oportunidades que ofrece Internet para dar a coñecer os seus produtos e servizos. A formación terá un enfoque práctico e introdutorio, orientado a que cada participante poida identificar recursos dixitais aplicables á súa actividade, tanto se está a iniciar un proxecto de emprendemento como se quere impulsar un negocio xa en funcionamento.
DataXoves, 19 de novembro de 2026
HorarioDe 10:00 a 14:00 horas
InscriciónGratuíta. Prazas limitadas
Lugar de celebración: Aula CeMIT de Sigüeiro, rúa do Deporte, número 9, Oroso.
As persoas interesadas poden consultar os detalles da actividade e reservar a súa praza a través da plataforma de formación da Rede CeMIT da Xunta de Galicia.
INSCRICIÓN AO OBRADOIRO «EXTRAORDINARIAS»
O programa Extraordinarias, impulsado pola Fundación Cibervoluntarios, promove a capacitación dixital das mulleres emprendedoras para contribuír a reducir a fenda dixital e facilitar o desenvolvemento dos seus negocios no ámbito en liña.












